Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DO 3 AO 5 DE XULLO NA CORUÑA

O CLAG organiza un foro no que se analizará a presenza de compañías galegas no negocio dos videoxogos

Daranse a coñecer dous videoxogos creados e producidos integramente en Galicia, 'SQR', da produtora 'Uber Cool Games' de Vigo e 'ELE' desenvolvido entre a produtora coruñesa 'Continental Games' e a viguesa 'Alía 3D

Redacción - 12:56 03/07/2007

O Cluster Audiovisual Galego reúne desde hoxe (ata o xoves) na Coruña aos máis destacados expertos da industria do videoxogo a nivel mundial para analizaren o desenvolvemento deste negocio nos mercados de referencia, o americano e o asiático, e durante o que se darán a coñecer dos videoxogos, o SQR, da produtora Uber Cool Games, de Vigo, que será presentado hoxe no edificio do ITE de Caixa Galicia; e E.L.E. (Evento Ligado á Extinción) desenvolvido nun proxecto conxunto por Continental Games (A Coruña) e Alía 3D (Vigo), que será presentado mañá na sede da Fundación Caixa Galicia.

O foro desenvolverase en tres partes, unha que contará con dous especialistas do entretemento interactivo e das novas tecnoloxías vidos de Xapón (hoxe); unha segunda protagonizada por desenvolvedores de importantes videoxogos e por produtoras de cine que comezan a introducirse neste mundo (mañá); e unha final (o xoves día 5) centrada nos serious games, videoxogos adicados á formación corporativa ou a outras aplicacións en ámbitos terapéuticos, estimulación á aprendizaxe ou sensibilización sobre unha problemática en particular, como é o caso do 'Food Force', un xogo humanitario encargado pola ONU, para sensibilizar á poboación máis nova sobre o coidado do planeta e sobre o problema da fame no mundo.

Mañá a xornada será no Edificio ITE de Caixa Galicia e centrarase na análise dos fundamentos sobre os que se cimenta o 'espectacular' desenvolvemento da industria mundial do videoxogo e dos contidos dixitais. Contará coa presenza de Sony Suzuki, directivo de IBM, e Kioshi Shin, delegado en Xapón da Asociación Internacional de Desenvolvedores de Videoxogos.

Os días 4 e 5 de xullo celebrarase un debate sobre a converxencia entre o videoxogo e o cine e terán lugar varios relatorios sobre a industria na Fundación Caixa Galicia.

Estas xornadas contan coa colaboración do Instituto Galego para a Promoción Económica, a Consellería de Industria, a Obra Social Caixa Galicia e Mundos Dixitais.


3/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: