Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ortega advirte de que "non hai solución aínda"

Principio de acordo entre o goberno de Nicaragua e Unión Fenosa

O estado iniciara en 2006 un xuízo administrativo para anular o contrato de adxudicación por trinta anos, por deficiencias no servizo.

Redacción - 12:00 02/07/2007
Daniel Ortega

Daniel Ortega

"Quedemos claros, non hai solución aínda, simplemente se logrou estabelecer un acordo de intencións para empezarmos a negociar". O presidente de Nicaragua, Daniel Ortega, facía referencia deste xeito aos avances na negociación entre o goberno e a eléctrica Unión Fenosa co fin de corrixir as deficiencias no subministro de enerxía así como a suspensión de accións legais entre ambas as partes.

No discurso de apertura do 28º aniversario do chamado Repregamento Táctico, este sábado, o presidente nicaraguano explicou que o xefe do Estado español, Xóan Carlos I, serviu de mediador no conflito, mais que a delegación de Nicaragua nas negociacións seguirá a traballar en defensa dos usuarios.

Tarifas xustas
Ortega sinalou que a expulsión da multinacional custaríalle ao país ao redor de 200 millóns de dólares (150 millóns de euros), o que significaría un problema de difícil solución. No entanto, sinalou que o goberno que preside "ten un plan continxente, mais antes hai que esgotar as negociacións".

Ademais, esixiu á empresa o cobro xusto de tarifas, "que cobren caro aos que gastan moito mais ao pobo pobre, que non consume máis de 150 quilovatios por mes, non se lle debe subir a tarifa". Neste senso, dixo que Unión Fenosa envía ao consumidor "tarifas alteradas", comprobado en miles de denuncias. "Din que gastan tal vez 100 quilovatios e chégalles a conta como que gastaron 300. Iso tense que arranxar", dixo.

Cortes no subministro de até 12 horas
Ortega ameazara con suspender a concesión a Unión Fenosa (de trinta anos, a contar dende o ano 2000) por incumprir os compromisos contraídos co Estado. En resposta, a distribuidora de enerxía interpuxo en febreiro unha demanda por 54 millóns de dólares ante unha aseguradora dependente do Banco Mundial para preservar o seu investimento.

O país esta sumido dende abril nunha severa crise polo déficit de enerxía que nalgúns momentos supera os 100 megavatios de xeración, con cortes de até 12 horas diarias do fluído que afectan aos hospitais, ao abastecemento de auga e á educación. Nicaragua ten unha demanda nacional aproximada 500 megavatios, e o 80% da produción corresponde a plantas térmicas que consumen combustíbeis fósiles.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: