Pallasos e pallasas, Fito e Paco, monólogos da vaxina, musicais, mimo, acrobacias... As rúas e os escenarios desta vila do Morrazo van estourar en gargalladas coa XXIV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo.
Gozaremos de máis dunha ducia de actuacións teatrais no Auditorio Municipal, na rúa ou na Casa da Cultura, de espectáculos musicais na Salasón, unha xornada dedicada á memoria de Clara Campoamor e a presentación do novo número da Revista Galega de Teatro, ademais do apartado de formación artística, con Etelvino Vázquez, quen tamén representa Los principios del autor, e presenta o libro homónimo.
Jango Edwards e Peter Ercolano, as Sircópatas, Fredi, os títeres de Teatro Corsario, que veñen dende Valladolid con Aullidos, La Pera Llimonera, a compañía vasca Markeliñe, as actuacións de rúa de Vanesa Sotelo, Almacabra, Clownx Teatre ou Los Excéntricos téñennos preparadas moitas sorpresas para escangallármonos coa risa.
Do folk ao cabaré
A música ten unha importante presenza na mostra: contaremos con dous musicais de feitura galega: Castronós, o baile, de Factoría Teatro, percorre un século de historia en Galiza a través das nosas cancións e bailes. E en Hendaya, mon amour, de Bacana, contaremos de novo coa historia romántica entre Adolfo The Hit (Xúlio Abonjo) e Francisco Frango (César Martínez, "Goldi"). Ademais, poderemos gozar das actuacións de The Combo Roxo e Fiandola.
A noite das mulleres
A xornada do sábado dedícase á memoria de Clara Campoamor, cun guión de María Xosé Queizán que recrea os discursos a prol do voto feminino que a deputada pronunciara no Parlamento da República. A propia Queizán, Casilda García, Berta Ojea, Antonio Durán Morris, Xavier Picallo, Afonso Becerra de Becerreá, Luís Hidalgo, Ricardo Solveira, Antón Lamapereira, María Armesto, Mónica Bar, e Rosa Mª Rodríguez Fernández poranlle voz, ás 20.30, no Salón de Plenos.
E máis voces de mulleres no Auditorio Municipal ás 23.00: Maite Merino, Fanny Condado e María José Gil interpretan os Monólogos da vaxina, unha serie de pequenos sketchs realizados a partir das entrevistas que a investigadora Eve Ensler mantivo con máis de 200 mulleres de todo o mundo: a menstruación, o parto, a sexualidade, a estética e as modas, a identidade, a autoafirmación, o machismo, a violencia, a liberdade ou o descubrimento do clítoris son algúns dos temas que trata esta montaxe, que xa ten percorrido escenarios de todo o mundo nunha chea de idiomas.