Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vieiros do Mar

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Vieiros do Mar
Francisco Fernández Rei

"No mar temos un patrimonio único, que ademais aínda está moi vivo"

Vieiros falou con Fernández Rei, parte moi activa na organización dos Encontros de Ferrol e coñecedor da vida mariñeira e de milleiros de palabras relacionadas co mar.

Redacción - 09:30 01/07/2007
Francisco Fernández Rei

Francisco Fernández Rei

Francisco Fernández Rei, , investigador do ILG, catedrático de Filoloxía Románica da USC e vicepresidente da FGCMF, naceu en Fefiñáns, unha das tres vilas que conformaran, aló polo século XIX, o Cambados de hoxe: as outras son a propia Cambados e San Tomé, a primeira máis señorial e a segunda mariñeira. A vila, ou o barrio del, era metade e metade.

Ademais de nacer a carón do mar, naceu nunha familia mariñeira de sempre. Seu avó viñera de San Tomé con todo aprendido, seu pai ía ao mar e súa nai mariscaba, vendía peixe e andaba nas conservas. Dende pequeno o seu contacto co mar era diario: "Eu non sabía que chegaba o outono pola caída das follas. O outono marcábano as grandes mareas equinocciais. A min chegábame a comezos de setembro, coas primeiras mareas vivas do ano, que deixaban as praias cheas de argazo". Do mar aprendeu moitas cousas, e aínda que logo marchou para estudar, sempre mantivo o contacto con el.

O primeiro traballo que publicou sobre o mar fíxoo en cuarto de carreira, sobre a etnografía mariñeira, e curiosamente, até os corenta e tantos non volveu traballar niso. Foi no seu discurso de ingreso na RAG, cando decidíu volver ao seu mundo, e combinou o estudo léxico e a construción da lingua literaria de dous autores da Ría de Arousa: Cabanillas -por certo, tamén de Fefiñáns- e Manoel Antonio.

Poucos anos despois, soubo que existía todo un movemento arredor da recuperación da cultura marítima e fluvial en Galiza, que nacera, precisamente, onde el, e comezou a facer parte activa, axudando na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e entrando na súa Xunta Directiva en 2001.

Con Vieiros falou da importancia da recuperación dun "patrimonio único, que aínda está vivo", nun proceso que non termina nunca.

O seu contacto co mar comezou de novo, non é? Axudaba na casa?
Como tiña que ser. O ritmo daquela marcábano ás mareas, e se non ían ben as colleitas, até deixaba de ir á escola e botaba unha man. Despois, sendo estudante universitario, como me aburría moito no verán, volvía á casa e iba como un "señorito" ao mar. Os "libros" que había na casa eran as redes, as patelas, os angazos...

E como entrou en contacto coas asociacións de recuperación da cultura marítima galega?
Arredor de 2001. Sempre estiven, dende o Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega (RAG), sen deixar outros traballos, volcado na recuperación do patrimonio marítimo, a nivel investigador, sobre todo no que é o léxico do mar da Gallaecia -dende o Navia-Eo até Porto, máis ou menos- pero naquel ano pasei a formar parte do Grupo Etnográfico Mascato, de Cambados, que, xunto con varias asociacións do Mar de Arousa (de Ribeira e da Illa), foi dos primeiros fundadores da FGCM en 1993 -ao principio non tiña o F de fluvial- . Tamén son membro do consello de redacción de Ardentía, revista que naceu arredor de 2004, dentro dos esforzos por declarar Patrimonio da Humanidade o Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

Como participou nos Encontros, nestes anos?
Pois fago parte moi activa, xa que son membro da directiva, e temos que organizar, xunto cos clubes e asociacións dos lugares nos que se celebran, os Encontros. En Cambados, en 2005, tamén era presidente da comisión organizadora. Os encontros funcionan como unha ponte de contacto, de investigación, de traballo de recuperación onde está metida moita xente que leva moitos anos traballando nisto, facendo un traballo moi xeneroso e moi interesante de recuperación do patrimonio do mar.

Cando naceu a federación, nos primeiros 90, nin os máis optimistas pensaban que ía continuar no tempo, xa que sempre houbo un desprestixio total da cultura do mar en Galiza; estivo moitos anos ausente na cultura galega, que en xeral, seguiu medrando de costas ao mar. Mais nos últimos anos, a cousa está mudando en todos os sentidos.

Non é que toda a xente que estea traballando arredor dos Encontros teña unha visión morriñenta do pasado, dunha cultura que non vai ser nunca máis, senón que se trata de recuperar ese orgullo de ser do mar, transmitindo, popularizando e socializando esta cultura, facéndoa obxecto de lecer, publicándoa para dala a coñecer, divulgando unha parte da nosa identidade.

Na actualidade, canta xente hai arredor da FGCMF?

Pois fórmana unhas 38 asociacións, mais non só galegas, senón, como dixen antes, da Gallaecia: dende Burela a Viana do Castelo, e tamén hai dúas asociacións só relacionadas coa cultura fluvial: unha da cunca do Miño, e outra do Sil. Estas asociacións son auténticos referentes a nivel social. A ACD Dorna mesmo ten unha escola de navegación tradicional, e desprázanse a varios lugares para dar cursos, reivindicando esta cultura, o seu estudo e, sobre todo, o goce navegando coas embarcacións. Hai moitísimo voluntarismo e paixón. Aquí ninguén cobra nada e o que fixo que teñamos o que temos foron, sobre todo as axudas institucionais. Mais, a pesar dos apoios, a axuda voluntaria é totalmente necesaria.

Como comezaron os movementos de recuperación, como comezou a se xestar a FGCMF?
Foi un movemento que comezou na Ría de Arousa, con varias asociacións de Ribeira, Cambados e Arousa, e ao tempo nas Rías baixas, onde se comezaban a crear varias asociacións en Bueu, Pontevedra... Na Galiza sur había moito máis movemento neste sentido, porque tamén era relativamente máis fácil xuntar moitos barcos para facer as regatas,as exposicións... Unha das nosas arelas sempre foi poder ir á Galiza do Norte, onde hai moitas asociacións activas, na Coruña, en Ferrol...

E este ano por fin van á Galiza do norte, qué significado ten o Encontro de Ferrol?
Pasar dunha vila mariñeira, como é Cambados, por exemplo, onde se celebraron os Encontros hai dous anos, a toda unha cidade, como é Ferrol, cunha tradición relacionada co mar impresionante, é todo un reto. Ademais, ten as súas complicacións, sobre todo problemas de loxística. Pero nós cremos que imos igualar, se non superar o Encontro de Cambados de 2005.

E como van indo as cousas na organización?
Pois moi ben! Xa levamos máis de setenta barcos inscritos, vai vir un bote baleeiro das Azores, un galeón cunha fasquía fermosísima, o Nuevo Sofía, a lancha poveira, chamada Fé en Deus que vén todos os anos dende a Póvoa do Varzim, en Portugal, e sempre por mar... unha chea de embarcacións moi fermosas que hai que ver navegar.

E en canto ás embarcacións fluviais, tamén van participar?
Si, todos os anos hai polo menos dúas lanchas, batuxos ou barcas de dornas. Hai dous anos quíxose facer por primeira vez unha travesía, nos encontros en Cambados, pola desembocadura do Umia, mais había tal nordeste que non se puido facer, xa que as lanchiñas de río non están feitas para navegar tanto. Son para transportar persoas e cousas e para facer pequenas travesías. Pero as asociacións do fluvial sempre traen cousas aos encontros. Teñen feito exposicións e algunhas maquetas ben bonitas.

Falando xa da cultura do mar e da lingua, hai algunha publicación de referencia en Galiza para coñecer un pouco máis do léxico do mar?
Pois, a verdade, nos nosos dicionarios non está reflectida a lingua do mar tal e como a crearon os nosos mariñeiros. As palabras e as expresións son case sempre calcos do portugués e do español. En Galiza, cando baixa a marea, ten un nome, e logo cando está baixa de todo, ten outro, e iso non está recollido nos dicionarios. Hai, iso sí, unha biblia para quen queira saber das embarcacións galegas tradicionais. Titúlase tal cual, As embarcacións galegas tradicionais, e é dun antropólogo sueco, Staffan Mörling, que percorreu, a finais dos anos 60, durante tres anos, a costa galega, de norte a sur. Tomou notas, fixo fotografías e casou, logo, coa filla dun mariñeiro da Illa de Ons, para ficar para sempre no país. Tamén hai publicacións e dous grandes investigadores, que levan moitos anos a traballar na cultura do mar: Paco Calo -unha das almas máter da Sala do Mar do Museo do Pobo galego- e Dionisio Pereira, o primeiro presidente da FGCMF, e o mesmo historiador que agora está acusado de dicir cousas que todo o mundo xa sabía sobre a represión franquista en Galiza.

Mais tamén hai moitos outros traballos, de toponimia, de lingüística... os publicados nas revistas dos Encontros, en Ardentía... E o que si é de gabar é o traballo que están a facer nalgúns centros escolares, e lembro agora o colexio de Palmeira, no concello de Ribeira, onde os nenos e nenas fixeron un traballo impresionante de recuperación do seu patrimonio marítimo, organizando seminarios, exposicións, traballando nas aulas, saíndo á beiramar... facendo que os cativos se decaten de que temos un patrimonio único que aínda está vivo.


4,95/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dende a FGCMF loitan por recuperar de cultura marítima e fluvial galega
Dende a FGCMF loitan por recuperar de cultura marítima e fluvial galega
A lingua do do mar tamén forma parte do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués
A lingua do do mar tamén forma parte do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués
Os vellos gardan a sabedoría do mar, que recuperan dende a FGCMF
Os vellos gardan a sabedoría do mar, que recuperan dende a FGCMF
Capa da revista 'Ardentía', que se publica cada nove meses
Capa da revista 'Ardentía', que se publica cada nove meses
O Nuevo Sofía, que este ano vai ao Encontro de Ferrol
O Nuevo Sofía, que este ano vai ao Encontro de Ferrol
As embarcacións galegas tradicionais comezaron a se recuperar arredor dos 90
As embarcacións galegas tradicionais comezaron a se recuperar arredor dos 90
Fernández Rei organizou o Encontros de Cambados en 2005 (na foto)
Fernández Rei organizou o Encontros de Cambados en 2005 (na foto)
Os Encontros de Ferrol xuntarán case cen embarcacións no peirao de Curuxeiras
Os Encontros de Ferrol xuntarán case cen embarcacións no peirao de Curuxeiras