O vicepresidente quixo deixar claro o diálogo que existe entre os dous partidos no Goberno, fronte ao illamento do Partido Popular.
O vicepresidente da Xunta afirmou que o Goberno está a acadar grandes logros no traspaso de competencias grazas á “cooperación intelixente” mantida pola Vicepresidencia nas negociacións. Anxo Quintana explicou que, despois do fracaso da posta en marcha do novo Estatuto, “iniciamos un proceso para encher de contido o Estatuto que xa temos cun proceso de transferencias que hoxe estamos negociando con Madrid”.
Quintana dixo nunha entrevista concedida o xoves á cadea CNN+ que Galiza podería ter optado pola submisión ao goberno español ou pola confrontación e a guerra política. Porén, “nós optamos pola vía da cooperación intelixente, por ser esixentes, pero tamén construtivos”. O vicepresidente afirmou que non se trata só de ter máis competencias, senón o feito de que estean máis próximas aos cidadáns.
Como exemplo das transferencias vantaxosas nomeou a ordenación da rede de museos e arquivos, o salvamento marítimo ou o tráfico e a seguridade viaria. Neste último aspecto, dixo que unha comunidade como Galiza, que ten máis da metade dos núcleos de poboación do estado, “ten unhas características e unhas peculiaridades do territorio que ninguén mellor que os galegos para ordenar e organizar”.
Bo entendemento
Quintana tamén falou da boa marcha do goberno bipartito, a pesar das diferenzas que existen entre o BNG e o PSOE, “pero realmente estamos demostrando que somos dúas forzas políticas responsábeis e maduras”. O vicepresidente dixo que “a época das maiorías absolutas rematou e en Galiza certificouse xa a morte desa etapa”. Como exemplo, citou o caso das pasadas eleccións municipais, que confirman a idea de que o pobo non quere maiorías absolutas.
Fronte á disposición para o diálogo das dúas forzas do Goberno, Quintana salientou o illamento do Partido Popular “como forza política incapaz de dialogar e incapaz de chegar a un acordo”, o que fai que se vexa cada vez máis afastado das esferas do poder.