Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Proxecto Mancomún.org

Golfiño, primeiro corrector gramatical na nosa lingua

A ferramenta integrarase no paquete OpenOffice.org e detectará erros sintácticos, estilísticos e de concordancia.

Redacción - 13:30 29/06/2007

A nosa lingua conta cunha nova ferramenta, o corrector gramatical Golfiño, que presentaron este venres o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela. A aplicación serve de complemento ao paquete ofimático OpenOffice.org, que xa empregan máis de 45.000 galegos.

Con Golfiño, o noso idioma vaise converter no primeiro do estado en contar cun corrector gramatical, que permite que o procesador de textos detecte erros de sintaxe, estilo e concordancia, ademais dos ortográficos. A ferramenta é, polo momento, un prototipo, e poñerase a disposición da comunidade científica para a súa mellora a través da Forxa, espazo de desenvolvemento colaborativo de software libre do proxecto Mancomún.org.

O corrector axústase á última modificación da normativa oficial, do ano 2003, e segue como texto de referencia a Gramática da lingua galega de Rosario Álvarez e Xosé Xove. Golfiño detecta os erros provocados polo cambio de norma, a rexencia verbal, a concordancia de xénero e número, a confusión ortográfica con detección gramatical, malas construcións de perífrases ou preposicións non admitidas polos verbos. Tamén corrixirá algúns fallos de contracción, da posición dos pronomes enclíticos e de concordancia nominal e verbal.

O proxecto baséase nos traballos da comunidade científica galega e nunha investigación brasileira que deu lugar ao corrector CoGrOO. Foi realizado por Imaxin Software cun investimento de 51.000 euros.

Asemade, Industria presentou Tina POS, un terminal de punto de venda traducido ao galego tamén dentro do proxecto Mancomún.org. Encádrase, ademais, nas estratexias do PEGSI, que prevé achegarlles ás empresas software de calidade na nosa lingua.


4,33/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: