Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Natalia Devasa, con 'A familia bem, ghrasias'

Unha fotografía "das de antes" gaña o certame LGTB Aturuxo

O certame é unha iniciativa da Federación de Asociacións de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais de Galiza con motivo do día do Orgullo, coa colaboración do Centro Quérote e coa produción da Concellaría de Cultura e da Dirección xeral de Xuventude e Solidariedade.

Redacción - 11:30 29/06/2007

Un xurado integrado polo artista Xoán Anleo, Alfredo Saborido (secretario da Federación Aturuxo), Noa Tilve (coordinadora do Centro de asesoramento-afectivo sexual Quérote), a escritora Pili Beiro, Rubén Cela, director xeral de Xuventude e Solidariedade, Pablo Rodríguez Domínguez, director - xerente do Auditorio de Galicia por delegación de Néstor Rego Candamil, concelleiro de Cultura en Compostela, e Sabela López Pato (coordinadora do proxecto), fixo pública a súa resolución o xoves 28 de xuño, ás 20:00, antes de inauguraren unha mostra coas fotografías participantes na Casa da Xuventude compostelá.

Natalia González Devasa obtivo o primeiro premio pola obra titulada A familia bem, ghrasias, que imita os antigos retratos familiares, en branco e negro. O segundo premio foi ex aequo para Claudia Delso Carreira por O exército é unha gran familia e Patricia Iglesias Pereira por Limpiando la cocina. Mentres, Jesús Victoriano Fandiño Gracia (con My favorite Wedding Cake Toppers) e Roi Pérez Vila, con Linguas namoradas, gañaron cadanseu accésit.

As obras seleccionadas estarán expostas na Casa da Xuventude acompañadas de pequenos textos de varios escritores: Chus Pato, Ana Romaní, María do Cebreiro, Antón Lopo, Oriana Méndez, Celso Fernández Sanmartín, Claudio Pato, Pilar Beiro, Yolanda Castaño, Andrea Núñez, e María Xosé Canitrot, e dos vídeos de Virxinia Polke (Parke Europa, 2007) e María Ruído (A sereíña, 1997). O primeiro sobre os que viven ao marxe dos afectos (os sen teito) e o segundo sobre os desenganos afectivos.

Rachar co convencional

Baixo o lema "Rompendo cos tópicos, familia e afectividade" convidouse aos participantes a repensar as nosas formas de sociabilidade nun soporte, a fotografía, que precisamente acadou a súa máxima difusión no momento en que a familia tradicional comeza a súa decadencia. Os álbums familiares naceron como depósitos de afecto, pero tamén como garantías dunha experiencia colectiva que polo mero feito de se mostrar afirma a súa existencia como verdade indiscutíbel: vodas, aniversarios, vacacións...

O que se quixo foi promover unha interpretación moi aberta do fenómeno fotográfico e que puidesen concorrer propostas que non se axustasen aos patróns ao uso neste tipo de concursos. Dar a posibilidade de mesturar técnicas, de non rexeitar o apropiacionismo e, sobre todo, de que tivesen cabida novos soportes, aqueles que hoxe en día a fotografía adopta para mediar as nosas relacións, pois o certo é que o álbum cede ante outras tecnoloxías, mesmo os SMS.

A exposición permanecerá aberta desde o 28 de xuño até o 28 de xullo de 2007. Poderá ser visitada de luns a xoves de 8.00 a 20:30 e os venres de 8.00 a 15.00.


Ligazóns

4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: