Compostela será o centro deste programa de música de Cámara, que tamén abrangue concertos e actividades noutras sete vilas e cidades.
O xerente do IGAEM, Miguel Martín, o concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais de Compostela, Néstor Rego, e o director artístico do festival Cameralia, José Luis Estellés, presentaron o programa de concertos desta iniciativa organizado e promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte e polo IGAEM, co patrocinio do Consorcio de Santiago, a Concellaría de Cultura de Compostela e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, e a colaboración da USC.
O programa divídese en dúas seccións diferentes: Os Concertos do Festival e Cameralia en Galiza. Os artistas residentes protagonizarán sete concertos por toda Galiza: a frautista Stephanie Winker, o óboe Christian Wetzel, o clarinetista, e director do festival, José Luis Estellés, Joaquín Meijide (clarinete baixo), Dag Jensen (fagot), David Fernández (trompa), o pianista Eldar Nebolsin, o terceto italiano David Trio, o Cuarteto Casals, e Carlos Méndez (contrabaixo).
Pola súa banda, Cameralia en Galiza brindará ao alumnado da Academia a posibilidade de ofrecer concertos por diferentes escenarios: Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, Lalín, Moaña e Ribadeo. O festival inicia a súa andaina coa sólida convicción de achegar a Galiza os mellores intérpretes de música de cámara do panorama mundial, e de presentar os froitos da Academia Internacional de Música de Cámara de Galicia, que se desenvolverá na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela nos mesmos días.
Formación e espectáculos
Como salientou o concelleiro de Cultura compostelán, Néstor Rego, o evento combina o festival de música de cámara coa súa actividade formativa, unha "liña de traballo enormemente interesante que xa vimos seguindo noutras actividades". De feito, hai dous días o propio concelleiro presentaba o Formaclown, o apartado formativo do Festiclown, que congregará a importantes persoeiros desta arte escénica para compartiren cos composteláns as súas técnicas e experiencia.
Tamén lembrou outros eventos que terán lugar nos meses de xullo e agosto, como Via Stellae, Festival de Música de Compostela e os seus Camiños, que tamén posibilita asistir a importantes concertos de música clásica en varias vilas e cidades, o propio Festiclown, o festival D'Gorra ou o de música na rúa, "Feito A Man". Outra característica que subliñou de Cameralia é a súa proximidade: moitos dos concertos realizaranse no espazo público, nas rúas e prazas, "unha maneira axeitada de achegar a cultura á xente".
Pola súa banda, Estellés subliñou o interese educativo deste evento, e asegurou que poderemos gozar de "obras mestras" da música de cámara de todos os tempos: Haydn, Schubert, Shostacóvich, Beethoven ou Mozart son algúns dos compositores máis salientábeis do repertorio dos concertos. Ademais hai tres encargos, expresamente realizados para Cameralia: Á sombra do sol, do compositor galego Xavier Mariño, o Quinteto do portugués Alexandre Delgado, e Poética, de Jesús Torres. Sinalou tamén a enorme ilusión do alumnado da Academia por participaren neste programa, e a excelente acollida que tivo a proposta.