Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
CARLOS CALLÓN, PRESIDENTE DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"Sen nabo non hai nabiza, sen galego non hai Galiza"

Carlos Callón (Santa Uxía de Ribeira, 1978) preside a Mesa pola Normalización Lingüística dende o ano 2002. É un dos dirixentes máis novos de Galiza. E vén amosando o seu desacordo co Plan Xeral de Normalización Lingüística. Unha entrevista de Diego Ameixeiras.

TEMPOS Novos - 08:00 27/06/2007
Carlos Callón, presidente da MNL.

Carlos Callón, presidente da MNL.

Señor Callón: coñecendo como somos os galegos, debe ser duro iso de pelexar pola normalización do idioma sen precisar apoio psicolóxico.

Nunca dixen que non o tivese. Se alguén o quixer, pásolle o contacto do meu analista.

Pois o presidente Touriño, cando se expresa en galego, emprega construcións sintácticas alarmantes e unha prosodia moi achegada á dos chulapos. Dígalle algo, por favor.

Sorprende esa carencia de formación lingüística nun profesor universitario, mais nunca é tarde para aprender. Eu diríalle que hai uns 500 profesores de galego sen emprego estábel dispostos a darlle aulas. Cun pouco de práctica diaria, verá que o galego é moi fácil.

Toda a vida loitando pola diferenza, e cando os políticos se expresan en galego, nunca os subtitulan nas televisións estatais. Non é para traumatizarse?

É que se non subtitulan a Touriño na TVG, que di "furato", "aguxeiro" e "consúsegue"...

Aí falou. Considera positivo que haxa grupos pop que empregan o galego para falar da escasa periodicidade coa que manteñen relacións sexuais algúns mileuristas, e non tanto para reclamar a independencia nacional ou a galeguidade do Bierzo?


Fan moito máis polo galego eses grupos que as latas de caramelos e os paraugas que paga a Secretaría Xeral de Política Lingüística co suxestivo lema de "Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".

E se vivísemos nun país normalizado, que outra mesa presidiría?

Menos a Mesa do Leite... Gustaríame presidir unha mesa de estudo onde ler e investigar sobre a homosexualidade na cultura galega, ou volver presidir a mesa dunha aula nun instituto, dúas vocacións que teño aparcadas pola Mesa actual.

A vostede préstalle o posmoderno "grazas" ou prefire o "graciñas" de toda a vida?

O de toda a vida era "Deus cho pague". Desde que me fixen apóstata, paseime ao "obrigado".

Dígame unha cousa: Galiza ou Galicia?

Sen o nabo non hai nabiza, sen galego non hai Galiza.

O goberno municipal da Coruña leva gastado medio millón de eurazos no tema do topónimo. Que faría vostede con esa pasta?

Por pouco máis, comprarme unha casa na Rúa Tabernas da Coruña. Terei que preguntarlle a Francisco Vázquez como se fai para conseguir gangas nesa zona...

Entrevista publicada na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 121, xuño de 2007)


4,58/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: