Entre as cousas peculiares que poderemos atopar en Ferrol están, sobre todo, as curiosas embarcacións doutras partes do mundo que han estar amarradas en Coruxeiras, ou un encontro de blogueiros do mar, aínda que isto é xa máis habitual.
O bote baleeiro d'As Azores
No VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza, a celebrar en Ferrol entre o 5 e o 8 de xullo, hai aínda cousas ben peculiares, alén dos barcos que van participar.
Cousas de utilidade
Vai haber unha gardería, posta en marcha pola comisión organizadora, para nenos de 3 a 5 anos e de 6 a 12 , de mañá e de tarde todos os días. Tamén, na taberna mariñeira, vai haber un menú mariñeiro, como ten que ser, no que, ao mellor non falla a caldeirada, comida tradicional galega e mariñeira, segundo destacan dende Cultura Marítima, que se preparaba nas propias embarcacións, en alta mar, cos peixes e mariscos que se ían recollendo de camiño.
Estrañas embarcacións
Entre os barcos que van participar no encontro de Ferrol está un buque baleiro d'As Azores, que traerá o Clube Náutico das Lajes do Pico; unha xente dende Escocia, con gaitas e todo, tamén traerá o seu barco; e virá xente dende Irlanda, da Bretaña... e dende varios lugares da península.
O submariño que non dá chegado
Mais este ano parece que tampouco vai vir o submariño do que xa se falara nos encontros de Cambados, hai dous anos. Ao parecer o submariño que fora escollido para aparecer polas augas galegas era un artefacto portugués, o Ilha Loba, de máis de corenta anos, que vai máis para o fondo que para a superficie, e cuxa gasolina custa aínda un ollo da cara, polo que ao mellor os asistentes aos encontros van ter que agardar un ano máis por el.
E senón, como propoñen nos foros dos encontros, pódese traer aquel narco-submariño que foi apreixado hai uns meses en Vigo, que se fixo en Gondomar e que está morrendo nun estaleiro moañés. Este tería ben que ver cunha parte da "cultura" do mar de Galiza.
Unha cámara web instalada en Coruxeiras e un encontro de blogueiros
O Clube do Mar de Ferrol xa ten instalada unha cámara web, aberta 24 horas, na que podes ver todo o que acontece no peirao ferrolán no que se van celebrar os encontros.
E ademais está programado un encontro de blogueiros que traballan pola difusión da cultura mariñeira na rede, aproveitando as novas tecnoloxías para difundir o seu traballo na recuperación das embarcacións tradicionais, na carpintería de ribeira, na navegación a vela. Xente que loita na rede pola defensa, socialización e posta en valor do patrimonio material e inmaterial da Cultura Mariñeira e Fluvial de toda Galiza.