Un informe de Presidencia gaba a aposta de Estremadura e Andalucía polo código aberto, pero ignora o traballo que fai a Consellaría de Industria con Mancomun.org
A Xunta de Galicia acaba de presentar unha radiografía da e-administración local galega. O progresivo avance do software libre nos concellos é un dos aspectos máis salientábeis destes informe. Ademais, o goberno galego destaca que os programas abertos son "unha ferramenta estratéxica para o desenvolvemento da administración electrónica".
Presidencia non ten en conta o traballo de Industria
Como exemplos da introdución do software libre no sector público, o informe salienta as iniciativas dos gobernos de Andalucía e Estremadura. Sen embargo, obvia por completo o traballo que leva feito a propia Xunta a través de Mancomun.org; unha iniciativa da Consellería de Industria, nas mans do BNG, e que xa leva máis dun ano de funcionamento. O estudo foi encargado pola Consellería de Presidencia, controlada polos socialistas.
Sexa como for, os datos mostran como o software libre vaise facendo un oco na administración local do país. De todos os programas abertos, o navegador Firefox é o que ten máis aceptación. A alternativa aberta ao Microsoft Explorer está presente en case un de cada catro municipios e na metade das administracións das zonas urbanas.
Ante a evidente popularización do Firefox, o informe destaca que "as aplicacións dirixidas a concellos deberán poder operar adecuadamente en calquera destes navegadores".
Microsoft domina, pero non tanto
No referido aos sistemas operativos, o 11% dos municipios usa Linux nalgún dos seus computadores, aínda moi lonxe do case 90% que emprega Windows XP. O texto da Xunta destaca as "moi elevadas prestacións e seguridade" do Linux.
Microsoft tamén segue a dominar o mercado dos paquetes informáticos, pois o 85% dos municipios conta co seu Office. A alternativa aberta, o Open Office só está presente nun 15% dos casos. Son os concellos máis urbanos os que lideran a introdución deste paquete, presente en un de cada tres municipios de máis de 10.000 habitantes. Polo contrario, nas corporacións máis pequenas, as de menos de 5.000 persoas, a porcentaxe cae por debaixo do 10%.