Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
IntegrArte, do 30 de xuño ao 2 de xullo

Fin de semana multicultural en Vigo

Cultura presenta unha programación en que a música, a danza, a artesanía e a gastronomía de doce culturas do mundo conflúen no peirao de transatlánticos de Vigo.

Redacción - 19:50 25/06/2007
Samba Diagne, Ánxela Bugallo, Santiago Domínguez e Jacqueline Collins

Samba Diagne, Ánxela Bugallo, Santiago Domínguez e Jacqueline Collins

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o tenente alcalde de Vigo, Santiago Domínguez Olveira, o músico senegalés Samba Diagne, e a presidenta da asociación Uruguayos por el Mundo de Vigo, Jacqueline Collins, deron a coñecer o programa: o sábado 30 de xuño, un pasarrúas dará paso ao Dúo de Darbuka e ao grupo uruguaio de tambores e danza, Urumundo, formado por membros da Asociación Uruguayos por el mundo, para inauguraren estes tres días de convivencia.

Logo é a quenda de Cuba-Son, co seu son, guaracha, cha cha chá, bolero, balada ou conga, e da coreógrafa e bailarina colombiana Martha Franco e o seu espectáculo de danza árabe. Xunto co seu grupo estábel de danza, Gaira, amosará a súa última montaxe Silha. Os ritmos das caboverdianas - burelás Batuko Tabanka, e o folk de Macfeck de Reino Unido pecharán a primeira xornada.

Do rock de Luís Tosar aos ritmos balcánicos

Para o domingo, tango, percusión africana e os uruguaios Son del Barrio, seguidos polos senegaleses Thiossane, a cantautora galego-arxentina Lorena Lores e o seu espectáculo Galitango e o grupo de rock The Ellas liderado por Luís Tosar. E xa o luns, a banda de percusión Trópico de Grelos saudará á mañá coa súa mestura de batucada coa capoeira, para dar paso ao arxentino Diego Alcántara.

Á tarde liderarán un pasarrúas en que tamén participarán o grupo de murga La Exiliada, un dúo de violín e teclado que interpreta o folk dos Balcáns, os rusos e ucraínos Nómada e a Banda de Nash, formada por uruguaios afincados en Compostela. E para pechar o IntegrArte terá lugar unha festa final con 061 Música Urxente, unha agrupación formada por músicos de Cuba e Galiza.

Ademais de música...


Once asociacións contarán con cadanseu espazo expositivo, onde amosaren o seu traballos para a integración dos seus compatriotas, a súa artesanía, gastronomía e costumes. Tamén once artesáns entre galegos e inmigrantes amosarán as súas creacións arredor do gravado, dos mosaicos, do material de reciclaxe, da decoración sobre porcelana ou pedras naturais, sobre metais, da artesanía africana, do coiro, dos bonecos de trapo, do ferro e da técnica do pano de mesa.


Documentos

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: