Emisoras agrupadas na plataforma SaveNetRadio interromperán a súa programación para evitar que se aprobe unha norma que entrará en vigor o 15 de xullo.
Anuncio da campaña
As emisoras de radio en liña dos Estados Unidos protestarán esta terza feira co “día do silencio”, unha proposta para amosar o seu rexeitamento a unha lei que as obrigará a pagar un canon abusivo ás discográficas. Durante 24 horas, as emisoras en liña deixarán de ofrecer a súa programación habitual, quer interrompendo a emisión, quer intercalando longas pausas en silencio ou sons relaxantes.
O departamento que regula o pagamento de licenzas aos autores decidiu que, a partir do 15 de xullo, as cadeas terán que aboar 0,0008 dólares por cada canción que emitan, e que irá aumentando até o ano 2010, cando a taxa será de 0,0012 dólares. Por se fose pouco, a norma será retroactiva até o 1 de xaneiro de 2006.
As radios en liña representadas pola coalición SaveNetRadio non aceptan este modelo, que ameaza a súa viabilidade económica, e avogan por un baseado nunha porcentaxe das ganancias. A protesta do martes faralles un chamamento aos ouvintes para que contacten cos seus representantes políticos para que apoien a Lei de Igualdade da Radio da Internet.