Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convidado pola Secretaría Xeral de Comunicación

Leonardo Da Jandra analiza as identidades dende a periferia

Este mércores, o escritor pecha o ciclo "América, cada vez máis latina". Será ás 20.00 na sede do Club Internacional de Prensa en Compostela.

Redacción - 11:04 25/06/2007
Leonardo Da Jandra

Leonardo Da Jandra

Leonardo da Jandra naceu no 51 en Chiapas. Antes de facer o ano de idade, seus pais levárono cos avós a Arousa, onde medrou xunto con tres referencias que o habían marcar: o mar, o culto ós mortos e Valle Inclán. Estudou en Compostela e Madrid, e alí se entregouse con paixón á filosofía alemá.

De volta en México, a comezos do 70, cursa na Universidade Nacional Autónoma (UNAM) un doutoramento de Filosofía da Matemática co arxentino Mario Bunge. Cuestiónase o modelo unidireccional xudeocristián, e defende a utopía mínima (colectiva ou de parella), a mesma que leva vivindo dende hai 25 anos coa súa compañeira, a pintora e ecoloxista Raga, nun pequeno paraíso da costa oaxaqueña, que, grazas aos seus esforzos, foi declarado Parque Nacional: Huatulco.

A súa obra reflicte de xeito crítico a inquietude intrahistórica da Xeración do 98 hispana (sobre todo Valle-Inclán e Unamuno), tendendo unha ponte entre a cultura peninsular e a mexicana. A súa novela Samahua -expresión do xénero que o autor mesmo acuñou como realismo nucleohistórico- gañou o Premio Nacional de Literatura IMPAC en 1997. Publicou tamén Entrecruzamientos; Totalidad, seudototalidad y parte; Huatulqueños; Tanatonomicón; Presentáneos, pretéritos y pósteros; Arousiada; Los caprichos de la piel; En el corazón de un sol herido, e La Hispanidad: fiesta y rito, unha obra decisiva para entender a identidade hispana.

A resistencia identitaria no mundo global

Na súa conferencia analizará as identidades particulares no mundo de hoxe, centrándose no caso mexicano, pero dende a perspectiva periférica da costa oaxaqueña, ou dende a aínda máis periférica galega, á que o autor non renuncia.

A identidade non é só un problema cultural, senón cada vez máis un dilema ecolóxico-económico. Non é só conservar as linguas ou culturas minorizadas, senón que se trataría de preservar e desenvolver de xeito harmónico todos os recursos autóctonos, naturais e patrimoniais, ameazados pola sobre-explotación do capital transnacional. Esta problemática é común a todas as nacionalidades e etnias do planeta, no contexto uniformador da globalidade imperante.

Da Jandra analizará o problema das autonomías e das distintas identidades, indíxenas e/ou urbanas, no contexto do proceso global. Para México, é unha referencia o que está a acontecer no estado español, coas súas diferentes autonomías, perante o perigo de balcanización que se presente en Mesoamérica.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: