Tras a súa presentación a semana pasada en Madrid, na mañá da sexta feira Ánxela Bugallo volveu presentar as novas instalacións e destacou o papel que xogan os galegos no equipo estatal.
O 30 % dos seleccionados son galegos. Na imaxe, Teresa Portela
Hai trece galegos no combinado que se presenta ao Europeo; nove deles palistas, polo que Galiza conforma o 30 % da selección estatal de piragüismo.
Este e trinta e cinco equipos máis, doutros tantos estados europeos, reuniranse entre o día 27 de xuño e o 1 de xullo nas novas instalación de Pontillón do Castro, en Xeve-Verducido (Pontevedra), onde se ha celebrar o Campionato Europeo en Augas Tranquilas.
No acto de presentación, a conselleira, -acompañada dos presidentes das federacións galega e española; Tito Valledor e Santiago Sanmamed respectivamente; e a a directora xeral para o Deporte, Marta Souto- destacou que nós temos en Galiza "unha infraestrutura de excelencia, referencia neste tipo de instalacións a nivel europeo".
Na mañá da pasada quinta feira inaugurábase o novo centro de Pontillón do Castro, unha semana antes de que comece o Europeo, e as entidades que financiaron a súa construción –Xunta e Consejo Superior de los Deportes-, coincidían en destacar que coas instalacións pontevedresas vense cumpridos os obxectivos de moitos palistas galegos: poder remar na casa e ter ao fin unha pista acorde ás súas necesidades, nun país que produce campións olímpicos e campións do mundo deste deporte.
Os máis cativos serán os encargados da inauguración oficial
Antes diso, esta fin de semana celebrarase o Campionato Galego de Pista xúnior-cadete, onde participarán 29 clubes galegos con máis de 250 palistas galegos e galegas que serán os encargados de inaugurar a nova pista.