A Fundación Otero Pedrayo entrega na Casa Grande de Cimadevila o seu máximo galardón. Presentaranse, ademais varios volumes da nova colección literaria da Fundación.
Profesor do Queen's College da Universidade de Oxford, preside a Cátedra de Estudos Galegos desta universidade. Fundou a Asociación Internacional de Estudos Galegos, xunto con Xan González Millán, no 85. Traduciu a autores como Castelao e Méndez Ferrín ao inglés, e formou a toda unha promoción de novos investigadores británicos sobre a nosa literatura (Derek Flitter, Kristy Hooper, Craig Patterson...). El dende Oxford e David MacKenzie dende Birmingham fixeron por fomentar os estudos galegos no Reino Unido. O de Oxford foi o primeiro centro de estudos galegos alí, e en Birmingham naceu o segundo, no 91.
John Rutherford é unha figura clave entre os persoeiros que, dende fóra de Galiza, dedicaron os seus esforzos e bo facer á investigación e divulgación da nosa lingua e cultura a través do mundo. Casado cunha muller de Ribadeo, dende sempre estivo fondamente vencellado a Galiza. Nesa vila dirixía anualmente os encontros "Mar por medio", É autor dunha novela en galego, parcialmente libro de viaxes, centrada no Camiño de Santiago, As frechas de ouro (Galaxia, 2004).
Unhas catrocentas persoas participarán, a partir das 12:30 horas, nos actos literarios e no xantar que tradicionalmente se celebra no souto da casa de Otero Pedrayo. A Fundación presentará, no transcurso deste acto, o libro Mar por medio, editado por ela coa colaboración da Consellaría de Cultura, coordinado polas profesoras María Liñeira (Queens, Oxford) e Dolores Vilavedra. Neste evento participarán o presidente da RAG, Barreiro Fernández, os escritores Méndez Ferrín, Antonio Raúl de Toro, Camiño Noia Campos, Eduardo Gutiérrez, Daniel Cortezón, Gabriel Rei-Doval, Benigno Fernández Salgado, etc.
Un premio "mamarracheado"
Un debuxo de Isaac Díaz Pardo, marcado e "mamarracheado" especialmente para a ocasión polo autor, é o premio que se lle entrega aos persoeiros ou agrupacións merecedores do Trasalba, pola súa dedicación ao espallamento da nosa cultura: Pura Vázquez, Antón Fraguas, Paz Andrade, o xornalista Raimundo García Rodríguez, "Borobó" ou o grupo Milladoiro, o ano pasado, foron algúns dos premiados.
E nova colección
Nesta ocasión inaugurarase a colección Biblioteca Centro de Estudos Oterianos, con dous títulos que son principio de cadansúa serie, e a correspondencia inédita de Otero coa súa nai, dende a adolescencia do autor até o falecemento de dona Eladia en 1957. Máis de 1.500 epístolas ordenadas, transcritas, comentadas e anotadas polas profesoras Patricia Arias Chachero e Mónica Pazos Martínez, en dous volumes editados pola Editorial Galaxia, cunha axuda de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A serie "Documentos" recolle o Catálogo de fondo antigo da biblioteca de Otero Pedrayo. Elaborada por Pablo Sánchez Ferro e Xulia Seoane, é a primeira entrega dun proxecto que se desenvolverá en tres anos, para a catalogación e presentación de todo o fondo bibliotecario depositado e dispoñíbel en Trasalba. E a serie de "Ensaios" inaugúrase co traballo de Ramón Villares, Fuga e retorno de Adrián Solovio, elaborado a partir do discurso de ingreso na RAG do actual Presidente da Cultura Galega.