Amnistía Internacional reclámalle ao delegado do goberno español en Galiza que corrixa esta situación.
Co gallo do Día Internacional do Refuxiado, a organización de dereitos humanos Amnistía Internacional (AI) envioulle esta cuarta feira unha carta ao delegado do goberno español en Galiza, na que se denuncia que a maioría dos 140 polisóns chegados aos portos galegos entre 2000 e 2003 non conseguiron ter a asistencia letrada que estabelece a lexislación estatal e internacional.
"Tanto a Lei de Estranxeiría como a de Asilo recoñecen o dereito de todo estranxeiro á asistencia letrada e á de intérprete dende o momento de se efectuar o control no posto fronteirizo", algo que non se está a cumprir, segundo declarou Alberto Estévez, voceiro da organización en Galiza.
"É imprescindíbel que en todos os portos se cumpra a Lei; só así se poderá asegurar que España respecta as súas obrigas internacionais, identifica aos potenciais solicitantes de protección internacional e permite que estes poidan solicitar asilo", manifestou.
Datos de Galiza
Entre os anos 2000 e 2003 (últimos datos dispoñíbeis) chegaron aos portos galegos 140 polisóns (110 a portos de Pontevedra, 29 a portos da Coruña e 1 aos de Lugo), dos cal 42 solicitaron asilo. Só dez desas solicitudes foron admitidas a trámite, e o resto consideráronse infundadas, malia que algúns solicitantes viñan de países en guerra ou con graves violacións dos dereitos humanos.
Ademais, AI solicitou datos sobre a cifra de polisóns estranxeiros dende 2005, as súas nacionalidades, cantos tiveron asistencia letrada en aplicación da Lei de estranxeiría, a existencia ou non dun protocolo entre as autoridades e os diversos Colexios de avogados de Galiza para facilitar a asistencia letrada ás persoas que chegan aos portos, así como información sobre o trato a polisóns menores non acompañados.