Será no Campionato Europeo de Augas Tranquilas, que se celebra por primeira vez no Estado, escollendo as pistas pontevedresas, acabadas de terminar. O 30 % da selección estatal está composta por galegos.
Preto de cincocentos piragüistas de todo o continente competirán do 26 de xuño ao 1 de xullo no Campionato Europeo de Augas Tranquilas, que se vai celebrar na pista de Verducido, en Pontevedra. As cifras de participación están moi preto do récord e Moldavia acaba de se incorporar á listaxe de equipos en competición.
É o primeiro campionato deste tipo que se celebra no Estado, e logo tamén en Galiza, polo que Deporte agarda a asistencia de milleiros de afeccionados no embalse de Pontillón de Castro, xa que o piragüismo é un deporte con moita tradición no noso país.
Os galegos conforman máis da metade da selección estatal
Os e as palistas galegas representan o 30 % do equipo estatal, xunto cos asturianos e os leoneses. Na grada pontevedresa, os estranxeiros que van ter máis apoios serán os portugueses e os húngaros, cuxos compatriotas xa andan a facer reservas de aloxamento na zona.
As finais, que se disputarán o sábado 30 e o domingo 1 de xullo, serán retransmitidas por TV para varios países a un tempo. A Galega vai ser a encargada de realizar a produción para todo o mundo das imaxes do campionato. Até o de agora están no allo unhas mil persoas, con acreditacións oficiais, que se reparten entre organizadores, técnicos, árbitros e directivos.