Por primeira vez en cinco anos, os internautas consomen máis datos a través do navegador ca a través de programas de intercambio de arquivos.
A navegación pola web volve ser a principal fonte de tráfico na rede, segundo un estudo de Ellacoya Networks. Dende o ano 2002, as redes de intercambio de arquivos convertéranse nas acaparadoras da meirande parte do movemento de datos, grazas á popularidade de programas como o eMule ou BitTorrent e á descarga de arquivos musicais e, sobre todo, audiovisuais, de gran tamaño.
Pero neste ano 2007, coa aparición dun novo fenómeno, o do vídeo en liña, representado pola web máis popular deste tipo, YouTube, a cantidade de datos que se obteñen dende o navegador volveu superar a que se intercambia por P2P. Segundo o informe, o tráfico HTTP (web) acadou o 46% do total da internet, por diante do intercambio de ficheiros, que anda polo 37%.
No terceiro posto, bastante por detrás, atópanse os grupos de News (NNTP), que seguen a constituír o 9% do volume de datos. É un dos resultados máis sorprendentes do traballo de Ellacoya, e débese, tamén, ao envío de arquivos binarios de gran tamaño, en moitos casos os mesmos que despois circulan polas redes P2P.
O resto do tráfico repártese entre o vídeo en streaming a través doutros medios distintos do navegador (3%), os xogos en rede (2%), e o tráfico de voz sobre internet (1%). O resto das modalidades de transmisión de datos constitúe o 2% que falta.