Os nacionalistas ven no reparto compostelán de áreas de goberno un exemplo para axilizar o pacto na capital luguesa.
Un único tenente de alcalde, que sería o voceiro e candidato do BNG nas pasadas eleccións municipais, Xosé Anxo Laxe, e unha representatividade no goberno local "nunca inferior ao 25%".
Así o analiza Xesús Méndez, responsábel comarcal do BNG lugués, no momento en que as negociacións de PSdeG e BNG na cidade están suspendidas e pendentes de data para novo intento. Cunha correlación de forzas parecida, 10-4 para socialistas e nacionalistas respectivamente en Santiago e 12-4 en Lugo, Méndez felicita o acordo conseguido polos equipos de Bugallo e Rego na capital galega, e ve aló un modelo bo cara ao obxectivo da "visualización dun goberno de coalición de dúas forzas políticas".