O Karpin Galicia conseguiu que un dos seus se clasificase como terceiro no GP CTT de Correos. É o terceiro podio da tempada e segundo nunha proba por etapas do equipo galego.
Eladio Jiménez na súa fuxida
Foi Eladio Jiménez, o corredor que estaba en mellor forma, o que conseguiu o terceiro posto na proba portuguesa, logo de concluír quinto na cuarta e última etapa, a sete segundos de Pedro Cardoso (A MSS) e de André Vital (Madeinoix). A vitoria na última xornada, disputada entre Viseu e Águeda, correspondeu a José Azevedo (Benfica). Por equipos o Karpin Galicia finalizou terceiro.
Eladio Jiménez iniciou a última etapa coa idea de mellorar o segundo posto conquistado o día anterior na Serra da Estrela e para iso Karpin Galicia espuxo unha táctica ofensiva de saída, aproveitando que o terreo máis accidentado atopábase nos dous primeiros terzos do percorrido.
Non puido lograr o ciclista salmantino ese obxectivo, pero si repetir o podio conseguido por Ezequiel Mosquera na Volta a Mallorca, competición coa que o equipo galego fixo o seu debut no pelotón profesional. A outra vez que un representante do Karpin Galicia pisou o podio foi na Clásica de Almería con Eduard Vorganov, segundo.