As universidades públicas de todo o mundo están sometidas na última década a unha presión inusitada. En Europa a desculpa é o proceso de Boloña e a creación do Espazo Europeo de Educación Superior; noutros pagos os "motivos" son outros pero en todos hai un mar de fondo común. A converxencia europea é un dos asuntos dos que se ocupa a revista TEMPOS Novos no seu editorial do mes de xuño.
Dun tempo para acá vívese unha continuada "reforma" sobre "reforma", de xeito que antes de que unha calle xa se pon en marcha outra que impide que a anterior madure. Esa inestabilidade continuada consome moitísimo tempo e esforzos, altera de forma caótica o sistema de incentivos e criterios de valoración, crea moita incerteza e impide establecer obxectivos claros para o seu funcionamento a todos os niveis. Moitos empezan a pensar que esa "revolución permanente" non ten como obxectivo primordial mellorar as Universidades senón axitar un caótico movemento browniano que as manteña entretidas entrementras outros van poñendo picas nos campus e arredores. Máis alá dos créditos ECTS e a mobilidade dos estudantes, as reformas estruturais que hoxe se discuten nos organismos internacionais (Banco Mundial, OCDE; OMC, Comisión Europea...) xiran ao redor da regulación do servizo de "ensino superior" para abrilo ao mercado, coa entrada de empresas de educación nacionais e/ou transnacionais. A educación superior empezou a verse como un substancioso mercado de decenas de millóns de clientes en todo o mundo. Sobre todo nas titulacións con matrículas masivas e reducido custo (xestión, economía, dereito, etc). O mesmiño que pasa con outros servizos públicos con millóns de usuarios como a sanidade, as pensións, etc. O discurso é sibilino: fálase de "calidade" para significar "normalización para a competencia no mercado"; fálase de educación "centrada no alumno" para significar que "o alumno é un cliente", ergo "quen paga manda" (aprenda ou non)... Sen dúbida, cómpre abrir un debate antes de que sexa tarde demais.
Agás Madrid
Agás Madrid, onde o furor nacionalista da dereita colleu a ZP e aos seus ranqueantes candidatos nas verzas, o mapa postelectoral desmente os supostos efectos do discurso tremendista de Rajoy. Conseguiu mobilizar aos seus. Pero non foi quen de convencer aos demais de que en vez de alcaldes e programas sociais, o 27-M lexitimaría etarras e poría España en venta. O seu órdago, dramatizado en Navarra con relatos fantasiosos que a daban por anexionada ao día seguinte, non fixo que variasen practicamente nada as porcentaxes de voto que o PP e mailo PSOE obtiveran nos comicios de 1999 e 2003. De non andaren a cara de can, non terían inconveniente en aceptar un empate técnico arredor do 34 por cento, con vantaxe de unha e cinco décimas para os socialistas naquelas dúas lexislaturas, e con sete de diferenza a favor da dereita agora (34,9 fronte a 35,6). A súa franquicia navarra, UPN, perdeu a maioría absoluta, e os nacionalistas de Nafarroa Bai experimentaron, a contracorrente desa campaña fratricida, unha subida espectacular. Fóra de Valencia e Madrid, non pode o PP brindar en poder. Tampouco en Galicia, onde sufriu un revés, condenándoo a gobernar tan só sobre o trinta por cento da poboación. As presidenciais de Rajoy e Feijóo seguen no aire.
A volta ao túnel
Estaba cantado. A bomba da T-4 foi o anticipo. ETA rompería a tregua e volvería ao terror en canto puidese botar man da escusa que máis convincente fose para xustificalo ante a súa base social. Atopouna finalmente na decisión adoptada pola xustiza de deixar fóra do proceso electoral unha chea de candidaturas abertzales. Así o deixa por escrito no comunicado que dá por rematado o alto ao fogo permanente iniciado o 24 de marzo do 2006. Oculta intencionadamente que a esquerda abertzale vai controlar a través de ANV e con maioría absoluta un total de 25 concellos, e que dispoñerá de 439 concelleiros, tendo ademais poder para decidir o goberno de Pamplona. De se manter aberta ao diálogo, renunciando aos sinais de rearme, extorsión e kale borroka que facían presaxiar o peor, cantos estivemos a prol do proceso de paz non teriamos medo a enfrontar argumentos políticos e humanitarios aos de carácter exclusivamente partidario e electoral do seu principal verdugo, o PP. Mesmo de apertar democraticamente a Zapatero e ao seu goberno para soltar amarras, desafiando o estado de salvaxe intimidación á que viñeron estando sometidos por parte da dereita política e mediática máis extremosa. Poñéndose a bomba por norte e a falsa representación do pobo vasco por monteira, non nos deixa marxe algún. A volta ás armas tíñana decidida meses antes do 27-M. Diante diso, ningunha argumentación política é tolerable, nin admisible. Volvemos ao túnel. Maldita sexa.
Editoriais publicados na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, xuño de 2007)