Este evento porá sobre as táboas do Auditorio municipal de Santa Eulalia as montaxes de seis compañías da provincia de Pontevedra, ao longo deste mes de xuño.
O Pelícano, de August Strindberg, é a primeira das obras das que poderemos gozar en Ribadumia, este venres 15 ás 22.00. É a historia arrepiante da apocalipse dunha familia, onde xa non hai lugar para a compaixón nin a tenrura: dous irmáns (Fredik, interpretado por Sergio Piñeiro Fernández, e Gerda, a quen dá vida María Jesús Barreiro Torres), contemplan a vida dende unha guarida fría, e a nai (Elise, encarnada por Laura Torrado Faro) devece na procura dun novo amor que a salve da súa loucura, da súa maldade, do seu rancor. A deshonrosa morte do pai será vingada. Completan o elenco Ariel Fabián Cáceres, como Axel, o home de Gerda, e Angela Schiavetta, como a criada Margrett. Dirixe a montaxe Moisés Morales.
O grupo naceu hai tres anos, con Atmósferas chehovianas, unha escolma de escenas d'A gaivota, O tío Vania, As tres irmás e A horta das cerdeiras. Poucos meses despois presentaban Noite de Epifanía, de William Shakespeare, e en agosto do 2005 participan na "Noite Meiga" de Vialgarcía. Xa comezaron o ano pasado con Strindberg: Amor de nai e Ante a morte e O vínculo (pola que obtivo o premio ao mellor protagonista Sergio Piñeiro no X Festival de Ribadumia).
En Xuño de 2006 presentan Amor e morte, un espectáculo traxicómico composto por dúas obras: A intrusa, de Maurice Maeterlink e O primeiro aviso, de August Strindberg. E este ano, ademais d'O Pelícano, traballan na montaxe de dúas obras curtas de Chehov: Tráxico á forza e O aniversario, e tamén no monólogo Sobre os males que provoca o tabaco, do mesmo autor.
Outras cinco compañías
O sábado 16 continúa a mostra co Teatro do Mar de Sanxenxo, e a representación d'O Gran Soño de Camila, tamén ás 22.00. Trátase dun drama ambientado na Galiza rural dos anos 50 que conta os proxectos dunha muller que quere ser actriz. O venres día 22 será a quenda de Lúa Chea de Poio coa súa obra Cianuro, solo ou con leite, unha comedia negra de Juan José Alonso Millán. E o sábado 23, a compañía Aturuxo de Baión interpretará Tres veces á semana e unha ventá.
Por último, Expresión de Pontevedra interpretará o venres 29 Ofimax, O grupo naceu no 2004, no Ciclo Outono Teatro, e actuaron na V Feira do Humor de Pontevedra con moito éxito. Alecrín de Ribadumia, pecha a mostra o día 30 coa laureada obra O enfermo afortunado. Será ese mesmo día cando os dous organismos colaboradores, Concello e Deputación, entreguen os galardóns.