Científicos británicos consideran que en catro anos, na altura de 2011, comezará unha forte caída da produción.
Un recente estudo do xigante petroleiro BP aseguraba que as reservas "demostradas" de bolsas de petróleo en todo o planeta permitirían cubrir a demanda durante un período de corenta anos e facelo ao ritmo de consumo que a sociedade mantén na actualidade.
Fronte a esas previsións, os científicos integrados no chamado Oil Depletion Analysis Centre, avisan de que as cifras arredor do petróleo son ben menos optimistas. Na opinión deste colectivo de investigadores, a cota máxima de produción vaise conseguir de xeito inminente, calculan que en catro anos, momento no que a produción petroleira comezará a caer con forza. Ao fío, agoiran un forte impacto para a economía mundial. Colin Campbell, quen fora vicepresidente de importantes compañías do sector como a propia BP, Shel ou Chevron Texaco, argumentaba esta semana en The Independent que as reservas de petróleo máis baratas para a súa extracción xa hai dous anos que se esgotaron.