Non explicou, no entanto, quen deu a orde de substituír os tubos de drenaxe por outros dun material menos perdurábel.
Xosé Cuíña Crespo
O ex-conselleiro de Política Territorial Xosé Cuíña asumiu a súa responsabilidade polo afundimento da Vía do Salnés. O parlamentario do PP desculpouse polos feitos acontecidos o ano pasado, cando comezaron as obras de desdobramento do corredor en autovía.
Na comparecencia perante a comisión de investigación sobre a deterioración da infraestrutura, Cuíña, que estaba á fronte da consellería cando se construíu a chamada “vía rápida”, asumiu todas as responsabilidades sobre o acontecido: “Non vou escapar das decisións políticas, foron sempre miñas, e non pretendo derivar ningunha aos técnicos”. Ademais, expresou a súa confianza no persoal co que traballou durante os anos que estivo á fronte da consellaría.
Xosé Cuíña dixo que a prioridade da administración fora a “celeridade”, tanto na Vía do Salnés como no resto das infraestruturas, debido á déficit viario que tiña o país, “pero nunca en detrimento da calidade”. Tamén negou que a inauguración da estrada do Salnés, catro meses antes das eleccións de 1993, tivese intencións electoralistas. Afirmou que o obxectivo era abrila ao tráfico antes dos meses estivais.
Porén, non dixo quen tomara a decisión de substituír os tubos de drenaxe de formigón por outros de aceiro galvanizado, que, segundo a actual Consellaría de Política Territorial, foi a causa do afundimento da vía, 14 anos despois da súa inauguración. O feito de que Xosé Cuíña non contestase todas as preguntas que lle formularon levou á representante do BNG, Carme da Silva, a reservarse a posibilidade de volver citalo para comparecer na comisión.