Na tarde da segunda feira, na Siberia Oriental, os cataláns xogarán contra un combinado estatal. O PP reclámalle ao goberno español que impida o partido.
"Imos xogar contra unha selección do Sur de Europa que nos queda moi preto", dixo Carod Rovira no domingo referíndose con retranca a este partido que ha enfrontar ao combinado catalán contra unha selección de xogadores estatais de fútbol sala, que se creou ao desaparecer a federación. Ao non estar recoñecida como asociación, nin pola Federación Internacional de Fútbol (FIFA), nin pola Federación Española de Fútbol (RFEF) ou pola Federación Catalana de Fútbol (FCF), este combinado estatal non vai poder empregar o himno, segundo corroboraron fontes do Consello Superior de Deportes (CSD): "o emprego do himno e as bandeiras está regulado por lei".
Aínda que o equipo español, composto por tres estremeños, dous alacantinos, dous valencianos e un manchego din orgullosos que o seu pasaporte "di que somos españois, e nós levamos a bandeira onde nos peta".
Foi o voceiro do grupo popular no Parlamento catalán, Daniel Sirera, o que deu a voz de alarma, reclamándolle no domingo ao goberno español que "impedise a celebración do partido", xa que, ao seu ver, "é imposible que unha parte de España se enfronte a outra".
De todas, todas, os cataláns xa están en Yakutsk (capital da república rusa de Yakutia, na Siberia Oriental) onde xa xogaron contra Italia, e preparan xa o seu partido contra esta "selección do sur de Europa". A equipa que representa ao Estado, aínda que sen estar recoñecida, está tamén xa alí, mais a viaxe tiveron que a pagar eles mesmos, cuns 450 euros que cada un tirou do seu peto.