Asegurou Xosé Luís Baltar sobre a súa sucesión que a dirección do PPdeG terá a decisión final, malia subliñar que el mesmo orientará "onde pode ir".
O mellor colocado neste momento e coas feridas reabertas a nivel interno na cidade das Burgas, sería o alcalde de Ourense en funcións, Enrique Nóvoa, para quen Baltar confesa o seu "apoio total". "Cada día estou máis enganchado por el, porque é un fóra de serie", declarou Baltar, "o único que ten que facer agora é gañar o apoio da provincia".
O presidente da Deputación de Ourense estivo esta fin de semana nos micrófonos da RNE e a Radio Galega, onde admitiu que no treito político que se abre despois das recentes eleccións municipais, o PPdeG ourensán podería preparar o seu relevo á fronte do partido. Así e todo, Baltar asegurou que a súa idea é abandonar a política "cando as cousas marchen ben", situación que segundo el implica que os conservadores recuperen o poder na Moncloa e na Xunta. "Por agora non podo dicir se vou ir ou non ás próximas municipais, se as cousas van ben, prefiro non ter que ir e que outra persoa asuma a responsabilidade de levar o partido", afirmou ao respecto.
"Gústame ser realista e tras moitos anos gañando, nunca lle vira as orellas ao lobo tanto como agora", comentou Xosé Luís Baltar, quen chamou ao PPdeG a facer "autocrítica" e analizar o acontecido "para que nas próximas eleccións non pase isto".