Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Nova novela

‘O bosque de Nadgor’, onde o feísmo cobra vida

O escritor carballés afincado en Ribadeo Farruco Graña falou con Vieiros do seu próximo libro.

Modesto del Río - 13:48 10/06/2007
Farruco Graña

Farruco Graña

Xosé Farruco Graña publicará a comezos de xullo O bosque de Nadgor, a súa nova novela. Nela, a desfeita urbanística de finais dos anos 80 vese reflectida nun transunto da vila de Carballo.

Vieiros: O libro está baseado nalgunhas das súas vivencias. Ten algo de autobiográfico?

Farruco Graña: Non, non pretende ser autobiográfica. Sitúase nun pobo imaxinario, que é un transunto de Carballo. Eu non me criei no centro da vila, pero coñecina moi de preto. As vivencias persoas que se contan repártense entre varios personaxes: hai un que vai traballar a Londres, outro estuda Filosofía...

V: O fío condutor é o feísmo...

F. G.: É o tema de fondo, que vivín con intensidade nos 80. É o feísmo urbanístico, o desenvolvemento cego. Onde había un soar xa xurdía a especulación. Cada fin de semana que ía a Carballo, atopaba unha nova obra. Tamén trata da desfeita que se provocou cando se derrubaron os edificios antigos. As vilas medran, pero destruír o vello -á parte da estética nefasta que se crea- é o pano de fondo, que despois se reflicte no personaxe principal, que é Nolo, quen por temas persoais acaba sumido nunha crise profunda. O contorno aínda acaba de afundir máis na miseria ese mozo que se deprime. Pero, grazas a un amigo, sae adiante, e logrará asumir o que pasou. Hai unha catarse, que tamén o é para toda a comunidade, para o pobo. Todos saen adiante.

V: En que período se centra a historia?

F. G.: A acción desenvólvese ao final dos 80 e conta a historia de Nolo e Elisa, o seu amor frustrado do instituto. Os lectores de Carballo vanse dar conta tamén de que é nesa época, porque se fala de edificios como a Tetería, que xa non existe. Pero tampouco pretende centrarse só en Carballo, senón que se identifica co que acontece tamén noutros lugares. Hai tres edificios emblemáticos de Carballo que cobran vida e se converten en personaxes de carne e óso. Cando os lectores da vila vexan as ilustracións de Chema recoñeceranos, pero todos os comprenderán.

V: E poderíase aplicar á situación de hoxe?

F. G.: Nestes momentos probabelmente non queden moitos edificios desa nobreza, así que xa non hai ese nivel de destrución, de tirar edificios. Queda, iso si, moita zona verde que se pode converter en edificábel, como a ‘milla verde’ na Mariña Lucense. Pero creo que si que se pode trasladar.

V: Ao estar baseada na vida en Carballo, a xente doutros lugares que a lea comprenderá o seu significado?

F. G: Penso que si, que calquera lector se pode sentir identificado. Eu estou en Ribadeo. Algunhas pasaxes xa se publicaron en La comarca del Eo e vin como tivo boa aceptación entre a xente, que se identificou coa historia. En certa medida, o que se conta no libro tamén se pode aplicar a Barreiros, a Ribadeo... Pero como esta novela a comecei a escribir estando en Santiago, está ambientada dese xeito.


3/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: