A asociación ecoloxista di que carecen de permiso para verter e ameaza con denunciar á Xunta e ás propias empresas.
En rolda de prensa na sexta feira, o secretario xeral de ADEGA, Fins Eirexas, explicou que dende a súa asociación están a avaliar a posibilidade de presentar unha denuncia ante a Fiscalía por estes feitos, tanto contra as empresas coma contra a o Goberno galego.
Tamén dixo Eirexas que estas piscifactorías, situadas ao longo da costa galega, levan xa anos vertendo e acusou a Augas de Galicia de ter un "mero afán recadatorio" ao non ir máis alá do control do pago dos cánons por emisión, e non controlar as verteduras. Tamén pediron o cese do presidente deste organismo, Jorge Antonio Santiso.
Segundo informa Europa Press, Fontes da Consellaría de Medio Ambiente confirmaron que, actualmente, os permisos están en trámite e recoñeceron que non hai un prazo fixado para a súa resolución. Ademais, alegaron que a súa filosofía é a de, en primeira instancia, "colaborar" coas empresas para "axudalas a cumprir a normativa" e aseguraron estar xa nesa "fase" de colaboración coas piscifactorías.
ADEGA denuncia que estas empresas botan ao mar centos de millóns de metros cúbicos de augas contaminadas
A través dun estudo presentado ante os medios, ADEGA mostrou as análises das emisións realizadas por estas plantas acuícolas, que, segundo Eirexas, "desmente a información achegada" pola patronal, que di que a auga que verquen é tan limpa como a que recollen do mar", o que, segundo dixo, "é un insulto á intelixencia dos galegos".
O estudo, que foi entregado por laboratorios das universidades da Coruña e Santiago, conclúe que as verteduras provocan as perdas dalgunhas clases de peixes e de argazos, en zonas nas que se extraían mariscos como as centolas e onde se atoparon restos de substancias químicas -ácidos e sulfatos-, pensos e mesmo os antibióticos que se lle administran aos peixes, o que fai que, nas zonas onde se verte -fotografadas polos ecoloxistas- haxa bancos de bruolles á espera do "maná de sopa boba" que sae das canalizacións das plantas acuícolas.
Neste sentido, Fins Eirexas di que se trata tamén dun problema de saúde pública e que a nova norma de "colaboración" coas piscifactorías non debera "copiar o modelo da anterior Xunta" e debera axustarse "a criterios de sustentabilidade ambiental e social", aínda que terminou por dicir que dende a súa asociación non lle ven obxecto a estes viveiros que xeran "pouquísimos postos de traballo", que cifrou en preto de 350, polos 16.000 da pesca tradicional á que defendeu, a pesar de recoñecer os problemas de sobreexplotación que existen.