O nacionalista Santiago Domínguez rexeitou xa a proposta de Corina Porro en Vigo, mentres na Coruña o socialista Losada cala de momento. En Oleiros, o PPdeG convida o PSdeG a gobernar.
Insistiu a alcaldesa viguesa en funcións, Corina Porro, en que a suma de votos de PPdeG e BNG representa unha porcentaxe máis significativa, por riba do 60%, do apoio dos cidadáns, convidando así ao candidato do Bloque, Santiago Domínguez Olveira, a un pacto de goberno na cidade olívica. Logo dunha xuntanza de media hora, Domínguez Olveira recoñeceu que non esperaba tal ofrecemento, pero subliñou que os vigueses votaron nas urnas polo cambio e en favor da volta dun pacto de nacionalistas e socialistas.
Menos lixeiro na resposta estivo o PSdeG coruñés este xoves, onde coincidindo coa visita á cidade do líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, o candidato popular, Carlos Negreira, repetiu proposta de pacto ao alcalde en funcións, o socialista Xavier Losada. Malia iso, no BNG están seguros de que o avance das conversas co PSdeG descarta calquera posibilidade de que Losada vaia ceder á tentación dos populares, malia que recoñecen que A Coruña é xunto con Lugo, o pacto urbano que máis problemas está amosando.
Por outra parte, o propio presidente do PPdeG, Núñez Feijoo, confirmou este mércores que o seu partido está disposto a esquecer en Oleiros o subliñado principio de que goberne a lista máis votada. Nese caso, os populares cavilan mesmo apoiar a candidata do PSdeG para que sexa alcaldesa da localidade coruñesa, apartando do goberno a Alternativa dos Veciños, que conseguiu 9 representantes. Os sete edís do PPdeG serían así aval xunto aos catro do PSdeG para que a socialista Covadonga Díaz colla o bastón de mando.