O investimento previsto na planta de acuicultura de Mira en Portugal vai situarse en torno aos 140 millóns de euros. Destes, uns 45 millóns serán subvencións públicas directas, o que significa o 32% do investimento, sen contar coas subvencións indirectas para milloras tecnolóxicas, infraestruturas de distribución, rebaixas de impostos...).
Todos estes cartos para criar, segundo dí a empresa, uns 200 postos de traballo directos e 100 indirectos (nun primeiro momento chegouse a falar de 1.300). Aténdonos aos datos, ADEGA dubida de que este número sexa real, xa que outros proxectos xa construidos e en funcionamento na Galiza, non ocupan como moito máis que a unhas 20 persoas por planta, até un total de 270 en todas as fatorías galegas (datos do propio Clúster da Acuicultura).
Tendo en conta as cifras que a propia empresa publicita a bombo e platillo, temos que cada posto de traballo na piscifatoría de Mira sairá a uns 700.000 €, dos que o erario público desembolsará 225.000 euros. Isto significa que a PESCANOVA, a administración portuguesa lle pagará con cartos públicos o salario completo dos traballadores (estimamos 15.000 € ao ano) durante nada máis e nada menos que 15 anos. Este feito, ademáis dun despilfarro intolerábel de cartos públicos, supón unha forte inxustiza social e un agravio comparativo: a calquera pequena empresa lle gustaría acceder a esta liña de axudas de privilexio.
Alén da chantaxe descarada á que PESCANOVA tratou de someter ao governo galego, ameazando coa deslocalización dalgunhas das súas prantas se non se atendían as súas esixencias, a empresa está agora tentando intoxicar á opinión pública galega e portuguesa con campañas mediáticas dando a entender que o proxecto de Mira está xa en marcha. Na realidade, o único que hai de momento é que o governo portugués está regalando cartos públicos a PESCANOVA, sen agardar aos informes de viabilidade ambiental do proxecto. Todo un exemplo de governo “amigo”. Os trámites necesarios para aprobar o estudo de impacto ambiental seguen sendo unha dúbida. Pero a experiencia doutros casos en Galiza indícanos que o goberno portugués vai tentar violar a lexislación ambiental europea e darlle para adiante a un proxecto do que xa é socio, caia quen caia.
Unha vez máis, ADEGA advirte de que a destrucción do medio ambiente a maior gloria dun progreso mal entendido, acaba máis cedo que tarde pasando factura e provocando atraso económico. Puidémolo comprobar durante os últimos 30 anos con ENCE-ELNOSA, que sacrificou a riquísima enseada de Lourizán a cambio de cheiros, cloro e mercurio. O desenvolvemento sustentábel pasa por aproveitar racionalmente os recursos naturais, socializando os bensficios que xenera cun reparto xusto da riqueza. O proxecto de PESCANOVA en Mira pretende o contrario: destruir o medio, privatizar os beneficios e socializar os custos,e todo isto con cartos públicos! Eis un exemplo de desenvolvemento insustentábel.