Dende Burela até Guimarães hai unha pouca menos distancia: rapaces e rapazas dunha e doutra beira do Miño comparten opinións e desexos por medio dun blog.
O alumnado do IES 'Perdouro' de Burela e o centro de ensino secundario Martins Sarmento, de Guimarães, están conectados a través dun blog (Juntos pela diversidade) onde comparten periodicamente as súas ideas e opinións sobre o racismo, a xenofobia e a tolerancia. Este blog estará activo todo o curso, e, ao remate deste, haberá unha convivencia entre as dúas escolas. Ademais dun foro onde debaten en Portugal e fan achegas de todo tipo, mesmo poéticas, hai un espazo para cada un dos centros, onde falan das súas experiencias e actividades, ou tamén realizan entrevistas e escriben artigos.
O profesor Bernardo Penabade, que imparte a materia de lingua portuguesa no 1º curso de Bacharelato do instituto burelao, e Fátima Aguiar, docente de Historia en Guimarães, coordinan o proxecto dende os centros. A coordinación xeral lévana Gabriela Salgado, do Posto Transfronteirizo de Información Xuvenil de Braga e Gustavo González , do Posto na Oficina da Xuventude de Galiza en Tui. Ambas as dúas entidades están integradas no proxecto Mobilitas, que promove a comunicación entre a mocidade comunitaria.