"Vigo quere un cambio, para rematar cos tres anos de cerocerismo do PPdeG: ideas 0, novos proxectos 0", afirmou Santiago Domínguez, candidato do BNG na cidade.
"O estilo do BNG deixa nesta campaña unha imaxe de compromisos claros e cuantificábeis, de compromisos para construir o futuro", destacou Anxo Quintana este xoves en Vigo, nun dos actos de campaña onde máis xente reuniron os nacionalistas. "Pola contra o estilo do PP nesta campaña deixa imaxes para a Prehistoria: Cascos co Plan Galiza; Aznar buscando a Batasuna e Fraga propondo que se recupere unha lei eleitoral do século XIX", afirmou a continuación.
Quintana pediu o voto "masivo" dos vigueses para botar adiante a proposta de "renovación, limpeza e compromiso que representan Santi Domínguez e o BNG de Vigo". "O BNG é o futuro de Galiza e de Vigo e o PP é un pasado que non pode volver", indicou. Fixo ademais brincadeira da presunta fraude protagonizada polo alcalde e candidato do PPdeG en Ourense "quen parece que ten toda a Rue del Percebe número 13 enteira", en alusións ao famoso cómic e ao censo irregular de dúas ducias de persoas en domicilios de Novoa e seu fillo. "Un partido así non pode gobernar a maior das cidades de Galiza e aquí está o BNG para impedirllo", dixo Quintana.
Por outro lado, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Santi Domínguez, acusou de inoperancia ao actual goberno local vigués. "Vigo quere un cambio, para rematar cos tres anos de ‘cerocerismo” do PP: ideas 0, novos proxectos 0, respecto ao medio natural 0, políticas para a xente 0… Un goberno que no único que sacou un 10 foi en copiar os proxectos do BNG", dixo Domínguez. Na súa opinión, os cidadáns optarán por un alcalde "que non se colgue medallas que son de toda a cidade como a do AVE", afirmou en referencia ao candidato do PSdeG, Abel Caballero. Ao tempo, rebautizou como "Harry Potter" a Abel Caballero e "Fada Madriña" a Corina Porro por realizaren "política de lumes de artificio e maxia".