"Temos a oportunidade de votar pola preservación do noso patrimonio", indicou Emilio Pérez Touriño no seu mitin en Cambados.
"Hai quen neste país está máis preocupado polo negocio que polo futuro, pero nós, os socialistas, non", subliñou o secretario xeral do PSdeG na súa intervención, desafiando o PPdeG a responder "a que intereses defenden cando dan batalla contra a protección do medio ambiente".
Touriño pediu votar "polo futuro do territorio" e destacou que o cambio de goberno na Xunta "conseguiu a fin da ruína do noso territorio", salientando o impulso da Lei de Medidas Urxentes de Protección do Litoral, iniciativa que definiu de "medida en favor do país e do futuro".
Por outra parte, acusou o PPdeG de usar os municipios onde goberna para enfrontarse co goberno e afirmou que Galiza precisa "alcaldes que cooperen", indicando que "é a única garantía para solventar os problemas dos cidadáns". "A cooperación é desenvolvemento e futuro, a confrontación é retroceso e pasado", dixo, denunciando ao fío que o PP "quería alcaldes para a submisión cando gobernaba na Xunta, e agora que está na oposición, recruta alcaldes para a confrontación". "Nunca creron na autonomía municipal", reprochoulles Touriño.