A Gentalha do Pichel denuncia os “complexos” lingüísticos dos candidatos municipais reflectidos nos seus carteis.
Bugallo demostra o seu bilingüismo
Decatáronse de que cada vez hai unha maior tendencia a que as mensaxes electorais se poidan ler, indistintamente, en galego e en castelán? Á Gentalha do Pichel estes feitos non lle pasaron desapercibidos, e así o fan saber no seu blog.
Como exemplo, o colectivo compostelán amósanos dous carteis de senllos candidatos á alcaldía da cidade: Xosé Sánchez Bugallo e Néstor Rego, cuxos lemas se poden ler, asemade, nas dúas linguas oficiais.
A Gentalha interpreta que este detalle non é casual, e que é froito dos complexos dos gobernantes por non pareceren demasiado galegos. Para compensáreno, xa colocaron adhesivos sobre os carteis electorais coa mensaxe “Toma bilingüismo!”.