Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

BNG: Buscando o voto mozo na vila de "Orozcus Máximus"

Aproveitou Anxo Quintana a visita a Lugo para solicitar a mobilización dos novos contra "as políticas antigas que lle negan o futuro á xente nova deste país".

Redacción - 09:00 23/05/2007

Durante o seu discurso en Lugo, subliñou o voceiro nacional do BNG tres compromisos "clave" coa mocidade que os nacionalistas prometen impulsar desde os concellos. Primeiro, o fomento de políticas de emprego, proxectos aos que irán tres de cada dez euros dos investimentos do concello. A continuación, o acceso á vivenda, coa construción dun milleiro delas en cascos históricos para o alugueiro dos mozos. En terceiro lugar, o impulso de "alternativas de lecer", aproveitando para destacar a nacente rede galega de locais de ensaio, e o apoio ao deporte de base.

Quintana insistiu en que a mobilización da mocidade será fundamental para que as "políticas de cambio real que está a implementar o BNG na Xunta" cheguen tamén aos concellos, "deixando atrás dunha vez por todas as políticas antigas que lle negan o futuro á xente nova deste país".

Pola súa banda, o candidato´nacionalista á alcaldía de Lugo, Xosé Anxo Laxe, laiouse de que "a Orozcus Máximus subíuselle a maioría absoluta á cabeza", en referencia ao alcalde da cidade. Laxe pediu o voto ao BNG para "poñer orde na cidade" e solicitoulle aos cidadáns que comparen o goberno de coalición onde estivo o BNG co goberno local actual. "Daquela facíanse as cousas, agora anuncianse ducia e media de veces pero non se fan”, asegurou. Entre as prioridades para que "Lugo avance" destacou a necesidade dunha nova política urbanística; a creación de solo industrial, poñendo os terreos das Gándaras a disposición da Consellaría de Vivenda; o incremento en até un 25% dos orzamentos para servizos sociais ou a aposta por Lugo coma referente turístico sobre o mundo romano.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: