En 1861 Antonio Fernández y Morales publicou Ensayos poéticos en dialecto berciano. Agora, 147 anos despois, aínda se lle segue a rendir homenaxe no Bierzo. Unha crónica de Paco Macías.
Un ano máis, este sábado 19 de maio xuntámonos algunhas persoas en Cacabelos para xantar no restaurante de sempre, non sen antes homenaxear á nosa maneira a Fernández e Morales. Uns limpamos a súa tumba deixándoa minimamente decorosa, outros puxéronlle unha rosa ben bonita e fresquiña ela, algún sacou unhas fotos vindo dun Vigo ben distante cun esforzo que os nativos moito agradecemos.
Este ano eramos menos ca nos anteriores, pero a cambio saíron máis proxectos. Os Xarmentos conseguiron contactos, os armenios argallaron algunha incorporación a ese misterio seu algo arriano, un editor presente mostrou vontade de poñer en camiño algunhas ideas e necesidades fernandezemoralianas, e os bercianos presentes xa planificaron o seguinte Banquete, onde os asistentes recibirán un agasallo sorprendente. Máis proxectos houbo, pero imos deixalos aí, nese zampocho do invisible, mentres se fan realidade.
E confirmamos que os negrillos continúan a medrar, a cada día máis altos. Secar secaron todos, pero recuperar tamén se recuperaron. E toda esta recuperación do negrillo coincidiu tamén coa de Antonio Fernández y Morales. E os do Banquete queremos que volvan os dous, pero para quedar. E niso traballamos, e banqueteamos.