Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VIII Festival Internacional

Os títeres de todo o mundo danse cita en Redondela

Do 21 ao 27 deste mes poderemos gozar de varios espectáculos de monicreques neste concello, sexa en funcións escolares, familiares ou de rúa. Aquí podemos ver unha mostra: un pequeno vídeo de Stop, dos húngaros Mikropódium.

Redacción - 18:14 21/05/2007



Xunto con Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde dende a Sala Yago compostelá para comezar o curso con entusiasmo, en torno a comezos de outubro, O Festival Internacional de Títeres de Redondela é o outro grande evento para os monicreques de todo o planeta. Bonequiños de madeira, tea, fíos, para pór na man como unha luva, siluetas para facer sombras chinesas e mesmo títeres tan pequechos como un dedal ou feitos co propio corpo do titiriteiro, chegan dende a India, Kenia, Arxentina ou Hungría.

Dende Galiza, preséntase por primeira vez o grupo de animación de rúa vigués Zancalino Produs, un exército de zancudos capitaneados por Avelino González na súa motocicleta xigante, e as charangas NBA, formada por un grupo de amigos de Betanzos, Oleiros, e Cambre que levan vinte anos animando as festas de toda Galiza, "Os Jaláticos" de Marín, e a Turre's Band.

Entrando xa de cheo nas compañías de títeres, este ano é especialmente heteroxénea a participación no festival: os asturianos Kamante Teatro confrontan actores e obxectos en ¡Que viene el lobo!. A catalá La Baldufa cóntanos a historia de Monsieur Bocamoll, Marcello o mecánico inventor, e Ursus, o piloto acrobático, no espectáculo de rúa Zeppelin. Tamén dende Lleida veñen Fadunito, co espectáculo itinerante de rúa "La Gran Familia".

Marionetas de toda Europa...


A italiana Laura Kibel trae unha modalidade de técnica que xa coñeciamos da man de Hugo e Inés na anterior edición do festival: os títeres "corporais": Và dove ti porta il piede, ou Vai onde te leven os pés, é o consello destas marionetas que xorden do propio corpo da actriz. A francesa Petits Miracles, compañía nada da man de Dominique Kerignard, trae Les Puces savantes, un divertido espectáculo de doma de títeres-pulga no circo, cos seus malabaristas, acróbatas, cuspidoras de lume, equilibristas... K.O. MIC, creada en Rennes por Geraldine Menuet e William Voisin, propón dous espectáculos de rúa: Jean-Martin du Vérin e Jean-Sébastian du Roulement qui Craque.

O ruso Viktor Antonov é unha das figuras máis destacadas na arte de creación e manipulación de bonecos no seu país: Circus on strings é un circo de marionetas de fío para toda a familia. E tamén dende o Leste veñen os húngaros Mikropódium, fundada por András Lénárt, Stop está feito coa técnica chamada precisamente "Lénárt": o espectáculo, mudo, realízase nun escenario moi pequerrechiño con títeres do tamaño dun dedal, o que esixe a proximidade do público moi reducido (non hai problema, xa que a peciña será repetida cantas veces sexan necesarias).

... e do planeta enteiro

Despois, atoparemos agrupacións da outra beira do Atlántico, como a arxentina Asomados y Escondidos, unha habitual xa da outra gran cita anual dos títeres, Galicreques. Huevito de ida y vuelta é unha simpática historia sobre o ciclo vital feita con títeres de mesa. Tamén da Arxentina veñen Valeria Guglietti, coas súas sombras chinesas, e o fermoso espectáculo Bar Tango, da Compañía Buenos Aires Títeres, realizada con Bunraku e manipulación directa. Os mexicanos Teatro Tinglado mergúllannos no thriller cómico Informe negro, feito con títeres de luva, e a compañía peruana La Santa Rodilla, con Hugo Suárez, trae de novo Manologías, unha curiosa arte corporal en que as marionetas son partes do propio corpo do actor.

E mesmo do afastado Oriente chegan titeres dispostos a arrasar: Hong Kong Puppet and Shadow Art Center (HKPSAC), creada polo mestre Wong Fai, trae un espectáculo que mestura marionetas de fíos e títeres de mesa. Dende a India, Akar Puppet Theatre empregan monecos de fíos tradicionais do Rahastán e tamén outras técnicas máis contemporáneas: Amar Singh Rathod reúne marionetas de fíos e outros estilos. E dende Kenia volven outros habituais dos festivais galegos, Krystal Puppeteers.

Dende que naceu hai dez anos, a compañía é unha auténtica comunidade de base, que emprega a arte dos monicreques como apoio e instrumento para campañas de educación e saúde no seu país: sobre a SIDA, a malaria, a planificación familiar... Empregan música en vivo e diversas técnicas: o moniño Libendi, protagonista de Tears by the river, ten que abandonar a súa terra nunha época de seca e fame. En resumo, temos unha semana para gozarmos de todas as técnicas, todas as temáticas e todas as culturas nesta oitava edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Les puces savantes', da Compagnie  Petits Miracles
'Les puces savantes', da Compagnie Petits Miracles
'Que vén o lobo!', de compañía asturiana Kamante
'Que vén o lobo!', de compañía asturiana Kamante
A italiana Laura Kibel en acción cos seus pés
A italiana Laura Kibel en acción cos seus pés
Valeria Guglietti e as súas sombras chinesas
Valeria Guglietti e as súas sombras chinesas