Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convidado polo Club Internacional de Prensa

Luis Sepúlveda fala do "idiota americano" en Galiza

O escritor chileno critica os postulados neoliberais de Mendoza, Montaner e Llosa en Manual do perfecto idiota latinamericano, en dúas conferencias, en Compostela e Ourense.

Redacción - 14:12 21/05/2007

Continúa o ciclo 'América, cada vez máis latina', con outra interesante achega: logo de persoeiros como Eduardo Galeano, Luís Toledo Sande ou Carlos Gabetta, contamos agora co escritor chileno Luís Sepúlveda. Convidado polo Club Internacional de Prensa da Secretaría Xeral de Comunicación da Presidencia, estará o martes 22 na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela, presentado polo escritor Xoán Ramón Díaz, e o mércores 23 no Centro Sociocultural da Fundación en Ourense, introducido polo historiador e escritor Marcos Valcárcel.

Co título 'A importancia de ser un idiota latinoamericano', fala sobre Manual do perfecto idiota latinoamericano, (de Plinio A. Mendoza, Carlos Alberto Montaner e Álvaro Vargas Llosa), un libro con moi poucos lectores pero moita propaganda entre os adictos ó centro esquerda, e ó centro dereita, e que "foi convertido a golpes de publicidade nunha sorte de Biblia Cuáquera do Neoliberalismo. O revisionismo histórico, o relativismo do mercado e a defensa do indefendíbel foron presentados como a característica de América Latina no novo milenio. Poucos respondemos, malia facérmolo con noxo; e agora que aparece o tomo II do mesmo (El regreso del perfecto idiota), folga ofrecer algunhas respostas, con idéntico noxo".

Dende a literatura e dende o cinema


Luís Sepúlveda, escritor, xornalista e realizador cinematográfico, é autor dos contos Crónicas de Pedro Nadie, Los Miedos de Viaje, Boykott, Desencuentros, e das novelas Un Viejo que leía Novelas de Amor, Mundo del Fin del Mundo, Nombre de Torero, Historia de una Gaviota y el Gato que le enseñó a volar, Diario de un Killer Sentimental, Hot Line, as crónicas Historias marginales, o libro de viaxes Patagonia Express, os artigos Moleskin, La locura de Pinochet, El Poder de los Sueños e Los Calzoncillos de Carolina Huechuraba. A súa última novela está escrita xunto co escritor uruguaio Mario Delgado Aparaín, Los Peores Cuentos de los Hermanos Grim.

Tamén ten adaptado ao cinema as súas novelas: Un Viejo que Leía Novelas de Amor e Historia de una Gaviota y el Gato que le Enseñó a Volar. Do seu relato Café realizáronse adaptacións a curtametraxe en Grecia, Italia e Francia, e tamén é guionista e director da longametraxe Nowhere (Premio do Público no Festival de Marsella 2002), e da curta documental Corazón Verde (premio ao Mellor Documental do Festival de Venecia 2003). Agora prepara, xunto ao cineasta brasileiro Walter Salles, a adaptación cinematográfica do seu relato Martin Sheffields.

É Cabaleiro das Artes e das Letras da República Francesa, e Doutor Honoris Causa polas universidades de Toulón (Francia) e Urbino (Italia). Recibiu os premios Casa das Américas, Gabriela Mistral de Poesía, Premio Internacional Grinzane Cavour, France Cultur Etránger, Tigre Juan e o Enno Flaiano.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Luís Sepúlveda
Luís Sepúlveda