Avisos contra as "listas terroristas" ou loas á "gran nación", en Ferrol. Na liña da maioría de convidados do PP chegados de fóra de Galiza, o ex presidente Aznar repasou unha liña de tópicos de campaña.
"Non é descubrindo cada día unha nación en cada campanario de cada pobo de cada provincia de España como se constrúe un grande Estado". Así o subliñou José María Aznar durante a súa intervención en Ferrol este venres, onde asegurou que o segredo básico que "deu lugar ao éxito de España" foi o "consenso da transición". Na súa opinión, na actualidade os elementos fundamentais que "forxaron a estabilidade" do Estado "racharon e saltaron polos aires" desde a chegada do PSOE ao goberno en 2004. Aznar acusou os socialistas de removeren "tumbas" e falar do pasado e "enfrontar a xente".
Aznar chamou a entender estes comicios en clave de anticipo para as lexislativas que na súa opinión levarán a Mariano Rajoy á Moncloa e afirmou que o actual presidente, José Luís Rodríguez Zapatero, "puxo patas arriba os alicerces constitucionais". Criticou especialmente o que definiu de "ruptura do consenso antiterrorista" e asegurou que o PSOE negociou con Batasuna "desde 2002, ao tempo que asinaban a lei de partidos". "Cos terroristas non hai nada que falar", insistiu, indicando que malia estar en segundo plano falará mentres vexa "problemas serios para o futuro de España".
No mesmo acto falou tamén o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, quen rachou a súa tradición recente de dar os mitins en galego para botar man do español á hora das loas a José María Aznar: "A algúns moléstalles que esteamos orgullosos del, que esteamos con el sempre e que siga sendo unha referencia no PP de España e de Galiza sempre", dixo. Ao fío da campaña ferrolá destacou o compromiso recente da Xunta para a segunda fase do Porto Exterior, do que asegurou que "tiña paralizada" e referiuse á autovía Ferrol-Vilalba "que tiña que estar acabada". Subliñou tamén o "veto á construción dos estaleiros en Ferrolterra".