A última volta desta proba de referencia no campionato ciclista galego celebrouse no ano Xacobeo de 1993, e dende aquela moito mudou o ciclismo en Galiza.
Os días 17, 18, 19 e 20 de maio celébrase en Compostela a Volta Ciclista da Ascensión para as categorías Elite e Sub-21. A volta foi recuperada con tanta forza polo Clube Ciclista de Compostela e a Federación galega de Ciclismo, que mesmo ten este ano páxina web.
Este ano participan máis equipas galegas que en 1993, porque o número de ciclistas medrou considerabelmente no país dende aquela altura, e xa están federadas en Galiza novas formacións de Elite e Sub-21 como as do C.C. Estradense-Hierros Diego, o C. C. Vigués-PSA Vigo-Autronic; C. C. Spol-Caixanova; G. D. Supermercados Froiz; C. C. Cambre-Frisonoble; C. C. Cidade de Lugo e C. C. Luís Ocaña de A Coruña. Mais tamén compiten equipas do territorio estatal e de Portugal.
A Carreira desenvólvese nun percorrido de 416,6 quilómetros, nos que o pelotón vai pasar por diversos puntos da cidade así como dos 27 concellos veciños de Compostela.
A saída neutralizada da carreira, cada un dos seus tres días de competición, realizarase dende a Praza de Europa -no Centro Comercial Área Central- e as chegadas serán na avenida Xoán Carlos I, por volta das 13:45 horas, agás o domingo, que han chegar de mañá cedo, tras subir os altos de Lampai e Montouto.