Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Rali

Os mellores pilotos galegos rétanse en Cambados

Comeza o XVI Rali do Albariño que vai reunir uns 150 pilotos no Salnés, nunha das primeiras probas do circuíto galego que puntúa para o campionato nacional.

Redacción - 11:12 18/05/2007
Este ano hai récord de participación no Salnés

Este ano hai récord de participación no Salnés

Un mes após do Rali de Noia, os mellores pilotos de Galiza conducen esta fin de semana até Cambados para se enfrontaren na décimo sexta edición do Rali do Albariño, a terceira proba do circuíto galego que comeza esta sexta feira.

Esta proba ten unha dificultade 7, polos centos de curvas que enchen o percorrido do rali, que sairá o sábado de Moraña, para disputárense 12 tramos cronometrados, divididos en dúas seccións. En Moraña percorreranse 12 quilómetros, en Rebón uns sete quilómetros e medio, para chegar a Campolameiro, onde se conducirán uns 8,8 quilómetros, até Armenteira, e daquí a Sanxenxo, e Meaño, onde se disputarán os dous últimos tramos de 5 e 7 quilómetros respectivamente.

Parten como favoritos o actual líder da clasificación galega e vixente campión desta proba, José Miguel Martínez Barreiro "Bamarti", co seu Peugeot 306 Maxi, e Luis Vilariño, no seu Renault Clio S1.600. Mais é o primeiro o que está máis familiarizado coas curvas da zona. Ambos os dous pilotos chegan de competir en Lalín, na primeira proba do circuíto, onde Bamarti gañou a Vilariño, por 41 segundos. En Noia ningún dos dous fixo unha boa carreira.

Mais, aínda que o duelo máis significativo sexa entre estes dous pilotos, tamén están loitando por conseguir puntos clasificatorios Chelís Gómez, Roberto Blach, Miguel Dopico ou Toño Villar, outros grandes pilotos que poden facer moito o sábado por terras do Salnés.

Nas palabras do piloto lugués, Chelís Gómez, "o Albariño é unha cita importante que abre a parte máis emocionante do campionato", xa que só fican por se disputar, despois da de Cambados, dúas importantes probas deica as vacacións do verán: os ralis de Narón e Sur do Condado. Polo que é moi importante conseguir puntos no Albariño, proba que bate o seu récord de participación este ano.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: