A emblemática Sala Yago compostelá ten que pechar as súas portas o día 30 de xuño. Os propietarios gañaron o preito que obriga ás compañías residentes a desaloxar o local, logo de dez anos de programación cultural. O actor Xavier Estévez achegounos este artigo.
Que non se alarme o Sr. Ortega, nin os señores presidentes de Caixa Galicia, Caixanova, La Caixa, etc., o que subscribe as presentes liñas non é ninguén, tan só un actor máis, é dicir, ninguén. Pero o certo é que son un ninguén indignado, un ninguén perplexo ante a pasividade dunhas autoridades que diante do inminente peche da Sala Yago, só lles resta dicir que "o lamentan moito". Non abonda, ben é certo que a Sala Yago é unha propiedade privada e que os seus propietarios teñen a ultima palabra sobre o destino do seu patrimonio, pero que pasa co patrimonio de todos? Que pasa co patrimonio cultural deste país? Non deberían tal vez as autoridades competentes intervir e ofertar certos inmobles emblemáticos para que o patrimonio privado pasase a ser público? Non deberiamos coidar con afán o que xa existe antes de inventarnos cidades da Cultura? Sería posible e necesario, como digo, que algúns destes patrimonios de todos fosen iso, de todos, aínda que despois se cabe, que cabe, pasase a xestión dos mesmos, por concurso público ou cesión temporal, ou ambas cousas, a mans privadas, xa que tan necesario como que existan salas de Teatro é que estas non sexan todas públicas nin dependentes de grandes fundacións, senón que interveñan nelas aqueles que coñecen a materia, é dicir todos e todas os ninguén deste país, as xentes do Teatro.
O título deste meu exabrupto non é gratuíto: nos últimos anos en España ten pasado que o Cine París de Coruña converteuse nun Springfield, o Teatro Losada de Ourense nun Zara, o Cine París de Barcelona nun Zara, o Cine Salamanca de Madrid nun C&A, o Cine Imperial de Madrid nun Sfera (El Corte Inglés), e o Cine Capitolio de Elche, o Teatro Menacho de Badajoz, o Cine Barceló de Barcelona, etc. É unha segunda amortización, pero nesta ocasión en lugar de amortizar os bens da Igrexa, amortízase o patrimonio cultural dun pobo, e as autoridades competentes "o lamentan". Non señores, non, non abonda.
A día de hoxe a Sala Yago está nun emblemático inmoble designado para uso "sociocultural", si, é certo, pero por canto tempo? Canto tardarán os seus novos propietarios (unha vez vendido) en conseguir unha nova cualificación do uso de dito inmoble? Dá igual, conseguirana, e senón, é porque os novos propietarios son un banco ou unha potente empresa con unha fundación que levantará un local social onde poderemos asistir a aquelas obras de teatro e aquelas exposicións que logren superar os, sempre dubidosos, criterios de idoneidade das grandes fortunas deste estraño país.
Non, autoridades incompetentes, non abonda con lamentalo, haino que impedir.