A coñecida charanga NBA, Non Bebemos Auga, estivo amenizando os actos do COR.CO.BA. Doutra beira, o candidato bautizou a súa flota electoral coma "Corcobíns".
As enquisas non veñen optimistas para o ex concelleiro do PPdeG na Coruña. Fernando Rodríguez Corcoba, na súa aventura como independente despois de desafiar a dirección do partido. Tentando no seu momento polos contornos de formacións coma o Partido Galeguista, as sondaxes poñen agora por diante del ao candidato destoutro novo partido no escenario político coruñés, Carlos Marcos, quen malia iso non conseguiría representación. Así e todo, o ex concelleiro popular insiste durante os seus actos de campaña en advertirlle aos coruñeses: "non creades nas enquisas".
Con todo, Corcoba despregou unha intensa actividade xa durante a precampaña, e non afrouxa durante a propia campaña electoral. Os CoruñesesCOnBuenosArgumentos, COR.CO.BA, levaron en días pasados á coñecida charanga NBA, "Non Bebemos Auga" en percorridos pola cidade durante os que os membros da lista lle entregaban o programa aos cidadáns. "Agardamos que bailedes connosco se coincidimos", convidaban desde o propio blog da candidatura. Alén de camiñar as rúas herculinas, os de Corcoba contan tamén cunha flota de cinco pequechos vehículos bautizados "Corcobíns".