O grupo de galegas Herbas de Prata lembrará o Día das Letras cun acto en que o público será o protagonista.
Logotipo de Herbas de Prata
O colectivo de galegas da diáspora Herbas de Prata, que xurdiu o ano pasado na Arxentina coa intención de conformar unha verdadeira rede mundial de asociacións de mulleres galegas, conmemorará en Bos Aires o Día das Letras Galegas cunha charla aberta do poeta arxentino, fillo de galegos, Rodolfo Alonso e un recital de poemas de María Mariño -autora lembrada nesta data- a cargo do público presente e das integrantes do grupo. O acto vaise realizar o día xoves 17 de maio na Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina (FSG) e engadirá ás homenaxes unha voz feminina dende a diáspora.
Convocado polo colectivo de galegas e a Federación, o acto contará cunha presentación titulada "Galiza, Muller" que o poeta fillo de galegos Rodolfo Alonso dedicará ás mulleres de Herbas de Prata. Así e todo, a novidade chegará logo. "Imos pechar a xuntanza cunha lectura de poemas de María Mariño que será sorprendente: cada un dos asistentes terá que ler unhas verbas para construír entre todos o poema completo. Todos somos necesarios", explican as organizadoras.
"Será no galego «bonaerense» que falamos, dende logo con erros. Con todo, queremos facelo coma homenaxe pero tamén coma proclama, como chamamento a falar a lingua galega. Unha lingua que non hai tantos anos se escoitaba polas rúas da cidade de Bos Aires e que foi desaparecendo. Será un xeito de comprometernos coa presencia da lingua dos nosos neste lugar", explican as responsables do colectivo.
O colectivo Herbas de Prata (nome que remite a un dos Seis poemas galegos escritos polo poeta Federico García Lorca) xurdiu da vontade dun grupo de galegas emigradas e descendentes de xuntarse para traballar por e para as mulleres non só dese colectivo. Fundado pola psicóloga social Adela Fernández Cruz o ano pasado, achega a mulleres de todas as idades: entre elas hai dende avogadas, profesoras e artistas, ata amas de casa. Nas últimas semanas, xa viu xurdir o colectivo de Uruguai, nun camiño que se propón dar corpo a unha rede no mundo.