Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
CO GALLO DAS LETRAS GALEGAS

Xosé Ramón Barreiro deu unha conferencia sobre o pasado, o presente e o futuro da RAG no Concello de Barcelona

O acto tivo lugar o pasado sábado 12 de maio e nel tamén participaron dona Katy Carreras-Moysi, rexedora de Relacións Cidadás e Institucionais do Concello; don Luís Lamas, presidente da Federación; a doutora Helena González, profesora de Filoloxía Galega na Universidade de Barcelona e membros de varias asociacións galegas de Cataluña.

Silverio Cerradelo - 22:00 14/05/2007

O evento, un dos moitos con que se celebran este ano as Letras Galegas na Cidade Condal, tivo lugar no abraiante Saló de Cent do Concello de Barcelona. A rexedora Katy Carrera-Moysi fixo a presentación, salientando que entre Galiza e Cataluña ten habido moitas olladas e moitos encontros. A seguir, don Luís Lamas, presidente da Federación de Entidades Galegas, lembrou o significado que ten para a nosa cultura a celebración do Día das Letras e a profesora Helena González presentou a Xosé Ramón Barreiro como continuador do labor do anterior presidente da RAG, Fernández del Riego, destacando a modernización da Institución nos últimos anos e valorando moi positivamente a escolla de María Mariño como figura homenaxeada nas Letras de 2007.

Após o grupo musical do Centro Galego tocar os himnos galego e catalán, o presidente da Real Academia Galega pronunciou unha conferencia sobre a Institución. Grave, serena e erudita, a voz de Xosé Ramón Barreiro resoou entre os arcos góticos do Salón e lembrounos que os emigrantes galegos sempre se consideraran inferiores até que chegou a emigración da utopía, aqueles novos emigrantes galegos que en 1874, logo do Sexenio Revolucionario e da I República, cando volveu a monarquía, xa non podían ficar en Galiza e marcharon para América. Aqueles mozos leváronlles o orgullo aos emigrantes e impulsaron a creación de centros galegos en Cuba, Montevideo e Buenos Aires. Foi alá, en América, concretamente na Habana, onde se fundou a RAG. Lembrou tamén, o presidente da Academia, os momentos difíciles polos que pasou a Institución durante a ditadura de Franco e a súa vagarosa recuperación até chegar a hoxe, que está a desenvolver unha intensa actividade filolóxica. Anunciou que a última edición do Dicionario Galego da RAG axiña verá o lume e mostrou así mesmo a súa preocupación pola situación do galego, sobre todo pola perda da transmisión da lingua de pais a fillos nas cidades. Con todo, expresou a súa esperanza nos sentimentos que nos vencellan á lingua e á galeguidade.

Música, lecturas de poesía e viños pecharon o acto, onde tamén estiveron presentes persoeiros da cultura galega, como o profesor Basilio Losada ou o escritor e académico Darío Xohán Cabana.



2,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: