Vieiros: Como foi o proceso de montaxe? Con que material previo contaron e que criterios empregaron á hora de seleccionar?Bocixa: Pois foi bastante complicado, tendo en conta que partimos de 35 horas de gravación, a base de testemuños dunhas 38 persoas. Houbo, con todo, seis ou sete que quedaron fóra da montaxe final, porque non casaban co resto, pero que aparecen no deuvedé, na edición extra. A isto sumémoslle 12 horas de arquivo... O que pretendiamos era contar a historia dende o comezo, dende o 77, para que á xente que non o coñeceu non lle fose difícil de entender e poida seguir o fío...
V.: Cales foron as fontes primordiais?B.: As persoas que participamos no documental decidimos que había certos datos imprescindíbeis para coñecer a historia, pero que o máis importante eran as persoas que o viviron. As súas voces e as súas caras. Atopamos dende persoas de distintas épocas e xeracións que pasaron polo proceso, voces expertas en medio ambiente, en dereito penal, persoas dos medios de comunicación, como o xornalista de 'La Voz' que estivera alí, Xosé Castro... E tamén xente "da outra parte", do ámbito político ou da empresa. Chegamos á propia SOGAMA!
V.: Que tratamento lle deu?
B.: O documental non deixa de reflectir a miña visión, pero ten un enfoque que permite entender todo o proceso. Está ordenado cronoloxicamente, aínda que a idea orixinal non era esa, para que se coñeza todo o proceso: como era a parroquia nos 70, o que acontece cando chegaron as primeiras expropiacións, as que viñeron despois... Non se utiliza voz en off, simplemente situamos aos personaxes fronte á cámara, aínda que si se introducen pequenos textos explicativos, planos, mapas, material de hemeroteca... Tamén hai algúns textos poéticos que dan pistas e que dividen entre si as diferentes partes do documental: Pilar Pallarés, Bernardino Graña, Manuel María...
V.: Como pensa que reaccionará a xente que participa no documental e como vai ser a acollida? B.: A estrea é este sábado no Auditorio Municipal de Cerceda ás oito, e despois vai haber unha cea moi concorrida: hai 130 persoas anotadas, das que máis da metade foron persoas que protagonizaron o conflito. Vai haber todo tipo de reaccións, dende xente á que non lle guste demasiado até persoas que seguramente se emocionen. Vai haber persoas que se sintan homenaxeadas, e a intención era esa, e outras que máis ben o contrario. Nese caso, síntoo. O noso obxectivo era contar unha historia, tampouco andar a escaravellar en rancores.
V.: Que previsións ten para despois?B.: Pois tentaremos emitilo na Coruña, en Compostela, etc. Está prevista a súa emisión na TVG, pero aínda non confirmamos nada. E, dende logo, levarémolo aos festivais e está a disposición de quen queira proxectala. Foi feita para que se vexa, non para tela gardada.
O filme, con guión e dirección de Xosé Bocixa, dirección fotográfica de Benxamín Trillo Díaz e realización de Mon Soares, foi producido por Ignacio Benedeti Cinema SL e Videafilms. Será estreado este sábado ás 20.00 no Auditorio municipal de Cerceda.