Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Denunciados por Cámara Oscura Películas

O Cineclube de Compostela vai a xuízo por proxectar un filme

O ano pasado pasaron unha copia do documental Terra Negra, de Ricardo Íscar, facilitada polo propio director. Unha produtora demanda agora o pago de dereitos.

Redacción - 12:39 09/05/2007

O Cineclube de Compostela enfróntase este xoves 10 de maio a unha demanda interposta pola empresa privada Cámara Oscura Películas SL. O xuízo será ás 13.00 no Xulgado do Mercantil nº 1 da Coruña. A produtora reclámalle ao Cineclube o pago de 250 euros en virtude de supostos "dereitos de exhibición" pola proxección do filme Terra Negra, de Ricardo Íscar, o 21 de Febreiro de 2006.

Dende o Cineclube entenden que as circunstancias en que se realizou esta proxección, as mesmas que calquera outra na súa actividade regular, están perfectamente axustadas á lexislación vixente, e considéranse con dereito, tanto xurídico como moral, para non abonar esta cantidade. Xa daquela advertiran da súa postura, coherente cos seus principios dende a súa fundación no 2001, a Cámara Oscura Películas, tanto antes como despois da proxección.

O filme Terra negra é un documental sobre os traballadores das minas de León realizado por Ricardo Íscar. O propio cineasta, coordinador do II Máster en Documental de Creación na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, facilitoulle ao Cineclube a fita, coa súa montaxe orixinal, máis longa có resultado finalmente distribuído pola produtora. Dende a súa realización, o filme “foi sometido a un boicot”, segundo contan dende o Cineclube, por Cámara Oscura Películas, empresa administrada por Pablo Llorca, quen mañá será parte demandante perante os tribunais. Malia o éxito que obtivo nos festivais en que se presentou, o filme apenas puido ser visto no Estado, pola oposición da produtora, fóra de dúas salas de cinema de Madrid e Barcelona en agosto e algún pase reducido.

Dende o Cineclube queren expresar a súa defensa firme do acceso libre e gratuíto á cultura: “Resúltanos inaceptábel ver como se traba o acceso á cultura en virtude duns supostos "dereitos" desde o mesmo sistema que permite e alenta que as empresas coarten, pervertan, manipulen e destrúan a liberdade creativa”. Esta asociación cultural aposta pola liberdade total para acceder, difundir e utilizar a obra cultural, sempre fóra dos fins lucrativos, “das lóxicas mercantís impostas polo sistema capitalista. A verdadeira censura radica en que a cultura se entenda en termos de consumo. A propiedade intelectual tamén é un roubo”. Tamén queren agradecer todas as mostras de solidariedade recibidas dende que se coñeceu a demanda. “O apoio da xente que estades a traballar, como nós tentamos facer, pola construción doutro cinema, outra cultura ou outra sociedade máis xusta, é para nós a mellor proba de que imos polo bo camiño”.


4,94/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: