Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Na Fundación Araguaney, até o 12 de maio

"Cada fotografía que tirei, vivina. Son a miña propia angustia"

O fotógrafo palestino Khaled Jarrar presenta a súa exposición en Compostela. 'At the checkpoint' testemuña a barbarie que se vive todos os días en Nablus.

Redacción - 10:55 03/05/2007
Néstor Rego, Ghaleb Jaber Ibrahim e Khaled Jarrar

Néstor Rego, Ghaleb Jaber Ibrahim e Khaled Jarrar

Estas corenta imaxes (de 30 x 45 cm) xa estiveron expostas no propio checkpoint, na reixa metálica ao longo da que circulan todas as persoas que teñen que atravesalo. "Nunha familia na que o pai vive en Ienín e a nai en Ramala, a distancia que os separa non é a hora e media en coche que sería natural: no mellor caso, seis ou sete horas, tendo en conta que se van pasar dúas no checkpoint. Hai 600 checkpoints en Cisxordania. 600 puntos de humillación diaria", contou Khaled Jarrar.

"As fotos expostas aquí non representan nin o 1% do sufrimento real", explicou. A idea ocorréuselle hai un ano e medio, e comezou a levar unha cámara agochada cada vez que atravesaba o checkpoint. A súa ansia era "reflectir as caras, ollos e expresións do sufrimento diario do pobo palestino, provocado por unha barreira non natural". Hai dúas fotografías que Jarrar valora especialmente: a cara de pánico dunha cativa de dez anos que despois resultou morta na propia porta da súa casa, durante un ataque, e a duns soldados que "parecen estar xogando cunha videoconsola" mentres apuntan á xente. "Cada fotografía que saquei, vivina. Son a miña propia angustia", rematou.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura de Compostela, Néstor Rego, celebrou a "magnífica iniciativa, que nos achega á realidade palestina, como tamén o Festival de Cine Euro Árabe Amal" (do que xa se celebraron varias edicións, froito da colaboración entre a concellaría e a Fundación Araguaney). "É unha obriga, cando gozamos de certo nivel de de liberdade e benestar, loitar pola liberdade do pobo palestino". O concelleiro lembrou a súa experiencia persoal na convivencia, cando estudaba, con rapaces de orixe palestina que perderon a vida en Beirut e nas matanzas de Ariel Sharon. "É dificilmente comprensíbel a indiferenza da clase política, o apoio das potencias occidentais a Israel. Cómpre erguermos a voz contra isto. Mostras como esta son non só necesarias, senón imprescindíbeis".


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un soldado tíralle unha foto a outro que apunta
Un soldado tíralle unha foto a outro que apunta
Unha nena chora nunha das fotos de Jarrar
Unha nena chora nunha das fotos de Jarrar