Francisco Rodríguez, voceiro do grupo en Madrid, sinalou que a "parsimonia" do Estado provocou xa unha demora de cinco anos e un mes na execución deste tramo.
Francisco Rodríguez
O voceiro do BNG no parlamento español, Francisco Rodríguez, demandoulle ao Ministerio de Fomento un "compromiso contundente", para que o inicio das obras da conexión do tramo de alta velocidade entre Lubián e Ourense dean comezo en 2008, e este estea finalizado en 2013.
Nunha iniciativa parlamentaria, Rodríguez denunciou a "importante demora" que sofre a licitación dos proxectos de varios tramos desta conexión. "É consciente o o goberno español de que, tras cinco anos e un mes de espera para se aprobar o estudo informativo e a declaración de impacto ambiental, é preciso asumir os proxectos e obras?", preguntou.
Só dous treitos licitados
O voceiro nacionalista en Madrid instoulle a Fomento a acometer dunha "forma decidida a garantir a comunicación de Galiza co resto do Estado, nunca máis alá de 2013", posto que, "con esta parsimonia, será imposible que estea operativo" nese ano.
Neste senso, lembrou que os antecedentes da tramitación administrativa deste corredor revelan que cinco anos e un mes despois de se concluír o estudo informativo, só se licitaron dous tramos: Lubián-Vilavella e Vilavella-Vilariño de Conso, con datas do 21 e do 8 de decembro de 2006 e importes de 2,95 e 2,04 millóns de euros, respectivamente.
Ademais, advertiu de que os proxectos para catro tramos de algo máis de 15 quilómetros cada un seguen sen se licitar, e presentan xa un atraso de oito meses. "Son necesarios 18 meses para elaborar un proxecto de 15 quilómetros?", cuestionou Francisco Rodríguez.